saltar ao contido

Rojo Noguera reúne os integrantes do Consello de Contas e os portavoces parlamentarios para mellorar a coordinación entre os dous órganos

 
Os integrantes da Mesa e da Xunta de Portavoces e os conselleiros do Consello de Contas comparten un xantar, no propio Parlamento, convocados pola presidenta da Cámara, dentro dunha rolda de reunións con diferentes institucións
 
 
 

Santiago, 20 de abril de 2010.- Os membros da Mesa e da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia e mais os conselleiros do Consello de Contas de Galicia secundaron hoxe unha convocatoria da presidenta da Cámara, Pilar Rojo, co obxectivo de mellorar a relación e o coñecemento mútuos entre o poder lexislativo e o ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego.
 
Rojo Noguera agarda que encontros como o xantar celebrado hoxe no Parlamento –menú do día servido pola propia cafetería da Cámara- sirvan para mellorar a coordinación e o traballo cotía destes dous órganos, ao tempo que aspira a que contribúa a superar as tensións que en ocasións distorsionan o debate político.
 
Esta xuntanza enmárcase nunha serie de reunións que a presidenta da Cámara está a convocar con diferentes institucións de Galicia e que deu comezo, en decembro pasado, cunha homenaxe a todos os ex presidentes do Lexislativo autonómico.
 
Na súa condición de órgano estatutario que emana do Parlamento de Galicia, o Consello de Contas exerce as súas funcións con plena independencia e sometemento ao ordenamento xurídico, actuando de oficio ou por petición do Parlamento de Galicia ou por delegación do Tribunal de Cuentas ou do Tribunal de Cuentas Europeo, cos que ademais poida colaborar en tarefas fiscalizadoras.
 
Reunión con Mayor Zaragoza
 
Previamente, a primeira hora da mañá, a presidenta do Parlamento recibiu o ex director xeral da UNESCO e presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza, que se atopa de visita en Galicia para participar en diferentes actividades.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina