saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 27 de marzo de 2013

4.4 3813 (09/PNP-000271)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Dorado Soto, Javier
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego  para o fomento do espírito emprendedor entre a mocidade, segundo o previsto no artigo 9 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 58, do 26.02.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia:
 
1. A que poña en marcha un programa de Iniciativa Xove Emprendedora de fomento da participación xuvenil, que lles permita aos mozos e mozas poñeren en marcha proxectos propios onde ensaiar ideas innovadoras e novas fórmulas de emprendemento e empregabilidade.
 
2. Que este programa estea aberto á participación tanto de entidades legalmente constituídas como de grupos informais de mozos e mozas».
 
4.5    4275(09/PNP-000311)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Sestayo Doce, Beatriz e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co Anteproxecto de lei para a racionalización e sustentabilidade da Administración local, así como coa autonomía, co papel e co labor das entidades locais.
Publicación da iniciativa, BOP G nº 64, do 06.03.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Reafirmar a autonomía local e a transcendencia do papel dos concellos na igualdade de oportunidades, a democracia e a cohesión social, elementos que teñen permitido vertebrar o territorio e prestar servizos esenciais e básicos, descentralizados e de proximidade.
 
2. Transmitir aos concellos, aos seus veciños e veciñas, o noso apoio e recoñecemento polo labor que veñen realizando para manter vivo o territorio e os servizos públicos».
 
4.7 4385 (09/PNP-000322)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel e 13 máis

Sobre a actuación que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para que a Unión Europea desenvolva un novo marco normativo que flexibilice a prohibición dos descartes pesqueiros proposta polo Parlamento Europeo.
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 64, do 06.03.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo (a través dos eurodeputados galegos) e ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea (a través do Goberno de España, en canto que ten a representación como Estado membro) para reclamarlles un acordo, no seo da discusión dos trílogos, que desenvolva un novo marco normativo no ámbito da xestión das capturas accesorias que flexibilice a prohibición dos descartes pesqueiros proposta polo Parlamento europeo, a través da aplicación dun sistema alternativo que teña en conta o impacto socioeconómico deste tipo de decisión e non comprometa a rendibilidade e viabilidade operativa da frota».
 
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2013

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina