saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de setembro de 2013


5.2 8633 (09/PNP-000654)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Arias Veira, Pedro Manuel e 13 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno central en relación coa aplicación da directiva europea referida ás emisións industriais
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 117, do 07.06.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1.- Solicitar do Goberno do Estado que, no referente á aplicación da directiva europea sobre emisións industriais, postergue o máximo posible a comunicación que deben facer as empresas ao Ministerio de Industria antes do 1 de xaneiro do 2014 para garantir unha correcta decisión das empresas.
 
2.- Demandar das empresas eléctricas Gas Natural Fenosa e Endesa que realicen os investimentos necesarios nas centrais que posúen no territorio galego para adaptárense á Directiva 2919/UE de emisións industriais”.

5.6 9616 (09/PNP-000728)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Gallego Calvar, María Carmen e 6 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa inspección da Axencia Tributaria aos pensionistas perceptores de pensións doutros países
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 137, do 10.07.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España que, na inspección que se está dirixindo por parte da Axencia Estatal da Administración Tributaria a pensionistas que á súa vez teñan pensións da emigración, tendo en conta as actuais circunstancias de recesión económica, os altos niveis de desemprego e o empobrecemento das familias, moitas das cales hoxe dependen, para a súa supervivencia, dos ingresos mensuais destes pensionistas nos seus fogares, adopte as seguintes medidas:
 
1. Regularizar a situación dos pensionistas sen consideralos como defraudadores fiscais, ofertando información pormenorizada e homoxénea das súas obrigas fiscais.
 
2. Habilitar, para o caso de que teñan que afrontar pagos polas súas declaracións complementarias, períodos de pagamento máis longos que os estipulados habitualmente, en aras de evitar un quebranto económico nas unidades familiares destes pensionistas.
 
3. Eximir do pago de sancións a aqueles pensionistas que regularicen a súa situación fiscal.
 
4. A revisión dos convenios marco con outros países para
evitar que situacións deste tipo poidan volver producirse no futuro.
 
5.- Que se teñen en conta todos os criterios anteriores para estimar os recursos que se presenten ante as sancións xa comunicadas”.

5.7 10055 (09/PNP-000762)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 8 máis
Sobre o mantemento dun marco normativo estable e simplificado que facilite o proceso de racionalización do sector público e da actividade administrativa
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 143, do 30.07.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a adoptar medidas que contribúan ao mantemento dun marco normativo estable e o máis simplificado posible que posibilite o coñecemento rápido e comprensible da normativa vixente que resulte de aplicación, e sen máis cargas administrativas para a cidadanía e as empresas que as estritamente necesarias para a satisfacción do interese xeral".
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina