saltar ao contido

Pilar Rojo participa na conmemoración do XX aniversario das escolas infantís "Cativos "


Santiago, 14 de outubro de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, participou hoxe en Santiago na conmemoración do  XX aniversario da posta en funcionamento das escolas infantís Cativos,  un acto no que puxo en valor os avances médicos, psicolóxicos e pedagóxicos que mudaron a atención aos nenos na primeira infancia.
 
Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, Pilar Rojo reivindicou a implicación de “todos”, tanto no ámbito privado como como no das administracións públicas e da empresa. “E Cativos –afirmou- é un exemplo de responsabilidade privada no eido da colaboración”.
 
De concepto asistencial ao concepto educativo
 
A presidenta do Parlamento valorou tamén os cambios conceptuais rexistrados. “Pasamos dun concepto asistencial, onde se `gardaban´ os nenos mentres a familia non podía atendelos, a un concepto educativo, onde as nenas e os nenos son educados, ilustrados e aprendidos en campos que ata hai pouco ninguén coñecía. E hoxe falamos de novos conceptos educativos como valores, música, xogo, linguas, expresividade e psicomotricidade”.
 
Nesta liña, referiuse ás denominadas competencias zócolo -estudadas polo Dr. Hubert Montagner, da Universidade de Burdeos-, sobre as que se sustentan todas as demais  e que se desenvolven entre os cero e os tres anos, a etapa correspondente á escola infantil.
 
Dos cambios sociais rexistrados nas últimas décadas, a titular do lexislativo galego destacou  a incorporación da muller ao mercado laboral. Ao seu xuízo, “unha sociedade que prescinde da contribución feminina á vida pública é unha sociedade amputada, imperfecta, non plena”.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina