saltar ao contido

O Parlamento rebaixa un 26% os gastos de locomoción dos deputados, que tributarán por todos os conceptos retributivos

• A Mesa do Parlamento aprobou o anteproxecto de orzamento da institución para 2014, que se reduce nun 3,5% respecto a 2013 e se sitúa por debaixo do de 2005
 
• Nun escenario de axuste e con recortes orzamentarios, o Parlamento foi capaz de aforrar 6,8 M€ entre 2009 e 2012
 
Santiago, 14 de outubro de 2013.- A Mesa do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, por unanimidade, o anteproxecto de orzamento da institución para o ano 2014, que ascenderá a 16.306.900 euros, o que implica un descenso do 3,5% respecto ao presuposto de 2013 e sitúa os recursos da Cámara por debaixo dos xestionados en 2005 (16.356.900€).
 
Se ben se producen axustes en todos os capítulos, os maiores descensos nos orzamentos do Parlamento de Galicia prodúcense no de investimentos reais, cunha  caída do 32,99%.
 
Gastos de locomoción
 
No marco desta política de axuste, por maioría, a Mesa da Cámara acordou reducir nun 26,92% os gastos de locomoción, que estaban fixados ata o de agora en 0,26€/km e que pasarán a aboarse a 0,19€/km.
 
A Mesa da Cámara tamén reformou o réxime fiscal dos deputados, que tributarán por todos os conceptos retributivos. A reforma fará que as denominadas “axudas de custo”, que son de igual contía para todos os deputados, formen parte da base suxeita a tributación.
 
Así, en aplicación do disposto  no artigo 17.2b) da lei do IRPF,  35/2006 de 28 de novembro, as axudas de custo fixas e de percepción mensual de todos os deputados sométense a tributación, declarándose somentes exentas en dito concepto retributivo as seguintes cantidades:
 
a.- Deputados sen cargos parlamentarios: decláranse exentos 800 euros/mes.
 
b.- Deputados que sexan presidentes, vicepresidentes ou secretarios de comisións parlamentarias, e viceportavoces de grupos parlamentarios: decláranse exentos 1.000 euros/mes.
 
c.- Deputados que sexan membros da Mesa do Parlamento de Galicia e portavoces parlamentarios: decláranse exentos 1.200 euros/mes.
 
Axustes anteriores
 
Entre 2009 e 2012, o Parlamento de Galicia aforrou  6,8 millóns de euros, a pesar de que o presuposto da Cámara pasou de 19.557.200€ en 2009 a 17.421.406€ en 2012, cunha caída de 2,1 M€. Este aforro foi consecuencia dunha política de axuste que afectou a todos os ámbitos.
 
Os salarios dos deputados do Parlamento de Galicia permanecen conxelados desde 2009 e en 2010 foron reducidos. Tamén se eliminou a indemnización compensatoria por cesamento da actividade que se viña aboando tradicionalmente coa disolución da Cámara e, a finais de 2012, acordouse unha nova redución salarial, equivalente ao importe dunha paga extra, aínda que os deputados xa carecían de paga extra.
 
Nesta lexislatura, o Parlamento tampouco facilita ADSL no domicilio dos deputados.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina