saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 9 de abril de 2014

4.2 16587 (09/PNP-001179)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez González, Román, e seis deputados/as máis
Sobre o desenvolvemento pola Xunta de Galicia, de xeito conxunto coas universidades, dun novo mapa de titulacións acorde coas demandas da sociedade galega.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 226, do 21.01.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver, de xeito conxunto coas universidades, un novo mapa da oferta de titulacións de ensino universitario no que, partindo da autonomía universitaria, se teña en conta o Decreto 222/2011, do 22 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tendente a evitar a duplicidade de titulacións ou reestruturar aquelas de moi débil demanda, co fin de contar cun mapa de ensino universitario acorde coas demandas da sociedade galega».
 
4.4 18201 (09/PNP-001314)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Arias, Marta, e seis deputados/as máis
Sobre a estratexia de apoio á poboación xitana.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 232, do 06.02.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a: 

1. Elaborar unha estratexia galega de apoio á poboación xitana, co obxectivo de reforzar e afondar nas áreas de emprego, igualdade das mulleres, vivenda e educación, entre outras.
 
2. Que sexa elaborada coa colaboración e consulta previa da comunidade xitana residente en Galicia.
 
3. Que esta estratexia galega de apoio á poboación xitana se integre dun xeito transversal na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, garantindo o financiamento suficiente para as medidas previstas».
 

4.7 20883 (09/PNP-001431)
Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda
Martínez García, María Consuelo
Sobre a concesión da Medalla de Ouro de Galicia a título póstumo aos dous obreiros da empresa Bazán de Ferrol falecidos durante unha manifestación o 10 de marzo de 1972.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 257, do 20.03.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia, consciente da débeda que o pobo galego ten coa clase obreira galega, coa cidadanía de Ferrol e coas familias de Amador e Daniel, condena os feitos represivos ocorridos en Ferrol en marzo de 1972 e lamenta o asasinato a mans da policía franquista de Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García».

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina