saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolleu unha sesión plenaria infantil de Aldeas Infantiles

 

• A iniciativa “Deputados por un día” forma parte do programa educativo “Abraza os teus valores” de Aldeas Infantiles SOS, que chega a 3.800 escolares de Primaria de 38 colexios de Galicia

• O vicepresidente da Cámara, Miguel Santalices, manifestou no acto o seu desexo de que os nenos presentes “despois de descubrir o Parlamento de Galicia acaben querendo e apreciando un pouco máis esta institución, o principal baluarte da democracia”

• Santalices lembra que “todo privilexio comporta unha obriga”, para animar a estudar  aos escolares presentes


Santiago, 13 de xuño de 2014.- O Parlamento de Galicia acolleu hoxe o acto “Deputados por un día”, parte do programa educativo “abraza os teus valores” de Aldeas Infantiles SOS, que chega a 3.800 escolares de Primaria de 38 colexios de Galicia. Neste curso escolar o programa xira en torno ao valor da familia.

 

Ao acto asistiron o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario da Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro; representantes dos grupos parlamentarios; a directora xeral de Familia da Xunta, Amparo González; a presidenta de Aldeas Infantiles SOS de Galicia, Rosa Freire, así como alumnos de Primaria do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela (A Coruña), o CEIP Casás de Lugo, o CEIP de Seixalbo (Ourense) e o CPR Monterrey de Vigo (Pontevedra).

 

Educar para a democracia

 

Durante a súa intervención, Miguel Santalices agradeceu aos alumnos e profesores presentes presentes a súa asistencia, e a Aldeas Infantiles que trouxera ese acto á sede do poder lexislativo galego, xa que a Cámara galega “síntese honrada con todas as visitas, pero especialmente coas de xente nova”, transmitindo o seu desexo de que “despois de descubrir o Parlamento de Galicia acabasen querendo e apreciando un pouco máis esta institución, o principal baluarte da democracia”. 

 

Santalices lembrou o papel fundamental que ten a “democracia para garantir dereitos tan esenciais como a educación, o dereito a discrepar, á convivencia ou á pluralidade ideolóxica”, e salientou a importancia de coidar a democracia “cada día, desde as institucións, como o Parlamento, pero tamén na rúa, nas empresas, no parque e na escola”.

 

O obxectivo do programa de Aldeas Infantiles, “educar en valores”, é,  en palabras de Santalices, “probablemente un dos maiores e mellores favores que podemos facer á democracia”, explicando que “non se pode apreciar o que non se coñece”.

 

O vicepresidente explicou que iniciativas como “Abraza os teus valores” son importantes para que os nenos “aprendan a respectar aos demais aínda que non pensen coma eles, a compartir e a escoitar”, polo que felicitou á presidenta da organización, a todos os seus colaboradores e ao profesorado implicado no proxecto.

 

 

Todo privilexio leva aparellada unha obriga

Miguel Santalices recordou que “todo privilexio comporta unha obriga”. Con estas verbas, o vicepresidente aproveitou a ocasión para lembrarlles aos rapaces presentes que “teñen unha casa, unha familia que os quere e unha escola á que acudir todos os días, mentres que rapaces doutros países non teñen a mesma sorte”.

Por eso, recordoulles que “os que teñen a sorte de ir á escola todos os días teñen a obriga de estudar, para que cando sexan maiores poidan axudar a facer un mundo mellor, no que por exemplo, todos os nenos podan ir á escola todos os días”.

Para finalizar a súa intervención, Santalices pediu aos presentes un aplauso reclamando a liberación das nenas secuestradas en Nixeria por Boko Haram.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina