saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle o Día da Galeguidade Empresarial, que recoñece o compromiso das empresas coa lingua galega

 
• A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, reivindica a aposta por “galeguizar todos os eidos cotiás” e recoñece a importancia do Plan Xeral de Normalización Lingüística, que cumpre dez anos

Santiago, 22 de outubro de 2014.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a celebración do Día da Galeguidade Empresarial, un acto organizado pola Cámara lexislativa, a Xunta de Galicia e o Foro Enrique Peinador coincidindo co décimo aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, para render homenaxe aos empresarios comprometidos coa lingua do país.
 
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, sinalou no acto que “todos somos conscientes da importancia que para este país tivo a lei de normalización lingüística, o feito de que fixera normal o uso da lingua  galega, que a pesar de moitos atrancos se mantivo ao longo dos séculos”.
 
Galeguizar a vida cotiá
 
Nunha intervención na que recuperou citas e intervencións de galeguistas como Filgueira Valverde, Castelao, García Sabell ou Ramón Piñeiro, pero tamén exdeputados  como Anxo Guerreiro,  a prol da plena normalización do uso da lingua galega, Pilar Rojo subliñou que o Parlamento de Galicia e as demais institucións organizadoras do Día da Galeguidade Empresarial comparten “a defensa da lingua en todos os eidos, nesa empresa de facela corpo co falante, nesa cruzada de galeguizar todos os eidos cotiás, de introducila en todos os substratos culturais”.
 
Rojo Noguera valorou a traxectoria de empresarios como os que hoxe acudiron ao Parlamento a celebrar o Día da Galeguidade Empresarial, ao tempo que “recoñecen publicamente que os seus produtos véndense mellor en galego” e “etiquetan a súa produción na lingua de todos nós”.
Declaración
 
Durante o acto, celebrado no Salón dos Reis dos Parlamento de Galicia, deuse lectura a unha declaración que reivindica a vixencia do galego, que xa non se percibe como obstáculo para o progreso social nin para os negocios. “O respecto aos dereitos lingüísticos dos consumidores e consumidoras xera unha empatía con estes que favorece a cordialidade e o afianzamento nas relacións comerciais e de empresa”, afirma a declaración.
 
Tamén interviron no acto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o historiador Ricardo Gurriarán; e os empresarios Xosé Turnes (Progando) e Xerardo García Alvela (Itelsis).
A cantante Uxía e os músicos Santiago Cribeiro e Sérgio Tannus foron os encargados de poñerlle música á dupla conmemoración interpretando “A fala” e “Alalás encadeados”, de poemas de Manuel María e Uxío Novoneyra, respectivamente, e de pechalo co himno galego.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina