saltar ao contido

Pilar Rojo participa no traspaso da organización do WOMEX a Budapest

 
 
• Felicita á Xunta e ao Concello de Santiago pola organización do WOMAX 2014
 
Santiago, 24 de outubro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, participou esta tarde no acto de traspaso da organización do WOMEX á cidade de Budapest. A capital de Hungría acollerá a edición de 2015 da World Music Expo, o máis importante mercado internacional de música de todos os estilos, que este ano se celebra en Santiago de Compostela.
 
En representación da Comunidade Autónoma, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, fíxolle entrega do testemuño deste evento internacional ao ministro de Recursos Humanos do Goberno de Hungría, Zoltán Balog.
 
Na Cidade da Cultura, onde se celebrou o acto, Pilar Rojo, agradeceu a presenza da delegación húngara desprazada a
Santiago e integrada tamén polo vicesecretario de Cultura do Goberno húngaro e a embaixadora de Hungría en España, entre outras personalidades. Tamén participou o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, a mailo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Xesús Vázquez Abad, aos que felicitou pola organización do WOMEX 2014.
 
“Galicia é un pobo musical”, enfatizou Pilar Rojo nunha intervención na que efectuou un percorrido pola historia da música galega.  Recordou que o Parlamento de Galicia, que este ano ostenta a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) “é a casa das palabras, da fala, para tentar, sobre todo, chegar a acordos”. E apuntou que “tamén a música, sen palabras, concorda e achégase  máis a nós que calquera outra linguaxe”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina