saltar ao contido

As charlas divulgativas sobre o Parlamento chegaron este curso a medio cento de centros de secundaria


 
• O número de centros participantes duplicouse nos dous últimos cursos, ao pasar de 23 a 50 centros
 
• Pilar Rojo, agradece a colaboración dos exdeputados/as que participaron neste ciclo de charlas; e tamén o interese amosado polos centros educativos que as acolleron

Santiago, 31 de maio de 2015.- O programa de charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia dirixidas ao alumnado de ESO e Bacharelato chegaron durante o curso 2014-2015 a un total de 50 centros educativos das catro provincias galegas.
 
Esta iniciativa, que acadou a súa quinta edición no curso que remata, está organizada polo Parlamento de Galicia e pola Asociación de Exparlamentarios/as. Por provincias, 23 centros pertencen á Coruña; 9 a Lugo; 3 a Ourense e 15 a Pontevedra.
 
O número de centros participantes aumenta en cada edición e mesmo se duplicou nos dous últimos cursos. Pasou de 23  centros participantes no curso 2012-2013 aos 50 centros do ano académico que agora remata. 
 
As charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia foron impulsadas pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, na pasada lexislatura coincidindo coa celebración do 30 aniversario da constitución do lexislativo autonómico. 
 
Charla e coloquio
 
Cada unha destas sesións adoita comezar coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, logo do cal os exdeputados participantes teñen cadansúa intervención individual, que é seguida dun coloquio con preguntas e opinións dos estudantes participantes.
 
Trátase dunha actividade plural na que, habitualmente, toman parte tres exdeputados/as de outras tantas formacións políticas.
 
A celebración das charlas para estudantes de ESO e Bacharelato enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia, que inclúe tamén un programa de visitas guiadas á institución, a edición de material orientado especificamente ao estudantado galego e un concurso escolar, entre outras actividades.
 
Agradecemento aos exdeputados/as e aos centros
 
A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, agradece a colaboración dos exdeputados e exdeputadas que participaron neste ciclo de charlas divulgativas; e tamén o interese amosado polos centros educativos que contactaron coa Cámara lexislativa para acoller unha actividade desde tipo.
 
Rojo Noguera confirma que o Parlamento de Galicia volverá ofertar estas charlas aos centros educativos o vindeiro curso, ao tempo que recorda que “as portas da Cámara están abertas ao conxunto da comunidade educativa, a través do programa de visitas guiadas á sede da institución”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina