saltar ao contido

Milagros Otero Parga toma posesión como Valedora do Pobo

· A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, subliña que o Valedor do Pobo é unha institución "sumamente necesaria para avanzar no principio de boa administración, na calidade democrática e na mellora dos servizos públicos".
· Rojo Noguera felicita a Milagros Otero, a primeira muller Valedora do Pobo, á que desexa "un longo camiño de éxitos".
 
Santiago, 2 de setembro de 2015.- "A figura estatutaria do Valedor do Pobo é sumamente necesaria para avanzar no principio de boa administración, na calidade democrática e na mellora dos servizos públicos". Así o afirmou esta mañá a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, no acto de toma de posesión de Milagros Otero Parga como Valedora do Pobo.
 
Nun acto celebrado no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e que contou coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, a Defensora del Pueblo, os integrantes da Mesa do Parlamento, deputados e deputadas, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o fiscal superior de Galicia e o provedor de xustiza de Portugal, entre outras autoridades, Pilar Rojo felicitou a Milagros Otero, a primeira muller Valedora do Pobo, á que desexou "un longo camiño de éxitos".
 
Os dereitos fundamentais, base da convivencia
 
Recordou a presidenta do Parlamento que "os dereitos fundamentais son a base da nosa convivencia" e que para a súa defensa resulta necesario contar con mecanismos "áxiles e eficaces"; e "aí é onde as defensorías do pobo aparecen como garantía institucional deses dereitos".
 
A xuízo de Pilar Rojo o papel das defensorías do pobo cobra especial relevancia na actualidade, "nun entorno de novos retos e desafíos que estas institucións son quen de enfrontar".
 
Recordou tamén a titular do lexislativo galego que en 2015 se cumpren 25 anos do nomeamento do primeiro Valedor do Pobo, razón pola que lembrou aos antecesores de Milagros Otero: José de Cora Rodríguez, José Ramón Vázquez Sande, Benigno López González e José Julio Fernández Rodríguez. "Todos eles dignificaron e fortaleceron a institución e a todos eles o Parlamento agradece a súa contribución", afirmou Pilar Rojo.
 
Traxectoria
 
A nova valedora do pobo, Milagros Otero Parga, é doutora en Dereito pola Universidade de Santiago desde 1987, e profesora titular entre os anos 1989 e 2011. Na actualidade, é catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade compostelá, coordinadora da Facultade de Dereito para os convenios bilaterais con Latinoamérica e secretaria do Programa de Doutorado de Dereito.
 
Otero Parga foi a primeira muller académica numeraria da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia, así como a primeira muller catedrática de Filosofía do Dereito en Santiago e a primeira e única muller decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Tamén exerceu como secretaria da Comisión de Doutorado e terceiro ciclo da Universidade de Santiago.
 
Entre os recoñecementos que recibiu, ten no seu poder a Medalla de Prata de Galicia, a insignia de ouro da Facultade de Dereito e a insignia de ouro da Universidade de Santiago. É asesora académica da Comisión de Dereitos Humanos do Estado de México e da Escola Xudicial deste mesmo Estado, organismo que tamén a nomeou Magister Honoris Causa.
 
 
Saúdos,  Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina