saltar ao contido

Declaración Institucional do Parlamento de Galicia sobre o Día da Saúde Mental

 
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA
DÍA DA SAÚDE MENTAL

O día 10 de outubro celebramos o Día mundial da saúde mental. Este ano dedícase á estreita relación que existe entre os trastornos mentais e as enfermidades físicas crónicas, patoloxías cunha alta prevalencia na sociedade actual, e que a miúdo coexisten no mesmo individuo.
 
Por iso, o lema escollido para conmemorar este día é “Saúde mental e enfermidades físicas crónicas”.
 
Unha cuarta parte da poboación mundial sofre algún trastorno mental ao longo da súa vida e, segundo a previsión da Organización Mundial da Saúde, no ano 2030 a depresión será unha das principais causas de morbilidade.
 
Non hai dúbida que os trastornos mentais serán as enfermidades do século XXI e dende todos os poderes públicos galegos somos conscientes que todos debemos estar preparados para prestar a mellor atención e darlle unha resposta adecuada.
 
O aumento da expectativa de vida e o avellentamento da poboación modulan a morbilidade existente. Hoxe en todo o mundo occidental, e tamén en Galicia, predomina o paciente de idade avanzada, con distintas patoloxías e enfermidades crónicas.
 
Neste contexto un dos principais ámbitos de traballo é o da prevención, no que toda a sociedade debe estar involucrada. Pois está claro que os hábitos de vida e costumes inflúen de forma determinante na saúde mental e nas enfermidades crónicas. E é responsabilidade de todos promover que os cidadáns, dende a súa infancia, adquiran estilos de vida saudables.
 
Por outro lado, a loita contra o estigma social relacionado coas enfermidades mentais debe ser unha estratexia prioritaria nas organizacións políticas e sanitarias, e así recoñéceno organismos internacionais, que subliñan a importancia da concienciación social sobre a saúde mental.
 
O Parlamento de Galicia acredita firmemente que a erradicación do estigma asociado ao enfermo mental non debe ser só unha prioridade, senón tamén unha obriga. Entre todos, debemos derribar os mitos fortemente arraigados na nosa sociedade, a través da educación, da información e do traballo conxunto entre as institucións e toda a sociedade.
 
Apostamos porque a conmemoración deste día serva para recordarnos a todos a importancia de vivir saudablemente e de mellorar as condicións e a calidade de vida das persoas que padecen estas enfermidades.
 
 
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2010

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina