saltar ao contido

Alumnado do taller PFC sobre arquitectura parlamentaria da UDC visita o Parlamento

· Este taller de fin de carreira, no que están inscritos 27 estudantes, é froito  dun protocolo asinado co Parlamento.
· Alumnado e profesorado visitaron o Parlamento e foron recibidos pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo.
 
Santiago, 10 de setembro de 2015.- O alumnado participante no taller de proxecto fin de carreira (PFC) de arquitectura parlamentaria da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña visitou esta mañá a sede da Cámara galega para coñecer o edificio e o funcionamento da institución. Acudiron acompañados por varios profesores e polo autor do proxecto de rehabilitación do Pazo do Hórreo, Andrés Reboredo. Comezaron a visita cunha reunión coa presidenta do Parlamento, Pilar Rojo.
 
A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) comezou a impartir neste curso académico un taller  do proxecto de fin de carreira  centrado no desenvolvemento dun edificio destinado a acoller a sede dun hipotético parlamento rexional europeo. A iniciativa está contemplada nun protocolo de colaboración rubricado o pasado mes de xullo entre a presidenta do Parlamento de Galicia e o director da ETSAC, que asinou en representación do reitor da Universidade da Coruña.
 
Este taller sobre arquitectura parlamentaria, dirixido ao alumnado do Master Universitario de Arquitectura, dura un cuadrimestre -de setembro a decembro- e rematará coa exposición pública do proxecto de fin de carreira dos matriculados. Ata o momento, están matriculados neste taller un total de 27 alumnas e alumnos e a súa impartición corre a cargo de profesores das distintas especialidades da carreira.
 
O Parlamento de Galicia pon a disposición do profesorado e alumnado participante toda a información que necesiten para que coñezan en detalle os aspectos relacionados coa actividade parlamentaria, co obxectivo de que podan reflexionar e debater sobre as necesidades específicas dos espazos que centrarán este proxecto de fin de carreira. 
 
Coñecemento real sobre a actividade parlamentaria
 
A tal efecto, o Parlamento de Galicia organizará sesións informativas  encamiñadas a que o alumnado teña unha visión o máis real posible  da actividade da Cámara e os distintos condicionantes que a rodean. O convenio tamén contempla a organización de visitas guiadas, como a de hoxe, á sede do Parlamento de Galicia.
 
Divulgación
 
Este protocolo de colaboración forma parte da estratexia de divulgación impulsada polo Parlamento de Galicia, orientada neste caso á análise e estudo  dos espazos e a arquitectura que alberga  o debate político-lexislativo e as restantes actividades parlamentarias.
 
O documento enmárcase no acordo marco de colaboración impulsado polo Parlamento e as tres universidades galegas e que, entre outras iniciativas, contempla a convocatoria anual de bolsas remuneradas de formación no Parlamento para titulados universitarios ou a realización de prácticas académicas.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina