saltar ao contido

O presidente do Parlamento participa na celebración do Día das Letras Galegas organizada polo Centro Galego de Barcelona

 
Santiago, 21 de maio de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas organizado polo Centro de Barcelona e que, entre outras actividades, contou cunha conferencia impartida polo profesor Basilio Losada.
 
Na súa intervención, Santalices Vieira gabou o labor desenvolvido polo Centro Galego de Barcelona ao longo da súa historia (foi fundado en 1892) e co que Galicia mantén unha “eterna débeda de gratitude”. En palabras de Santalices, esta institución “actuou como faro e guía para a nosa cultura”, pero tamén como “lar agarimoso para tantos paisanos que sofriron o desarraigo nos primeiros anos da emigración”.
 
Do papel do Centro Galego como animador cultural, o presidente do Parlamento recordou a “extensa nómina de intelectuais que aquí disertaron  durante a ditadura –algúns deles non podían facelo ou tiñan dificultades para elo na Galicia territorial- ou pola magnífica biblioteca  do Centro –unha das mellores no seu xénero, tamen para os eruditos- na que non poucos galegos accederon por vez primeira a títulos que lles resultaban inaccesibles na súa terra de orixe”.
 
Valorou a traxectoria do profesor Basilio Losada, do que destacou os seus “saberes enciclopédicos e a súa xenerosidade sen límites”.
 
De Manuel María, homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2016, Santalices dixo que é “unha das voces poéticas máis relevantes da literatura galega contemporánea”,  e subliñou o amplo consenso que suscita.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina