saltar ao contido

Santalices Vieira destaca a “vixencia” que manteñen as propostas e reflexións políticas de Manuel Fraga


 
• O Parlamento acolleu a presentación dos catro volumes que recompilan os discursos parlamentarios do que foi presidente
da Xunta entre 1990 e 2005
 
• Referíndose ao compromiso europeísta de Fraga, Santalices salienta “o moito que debemos a Europa, non só como berce dos valores democráticos, da tolerancia, do respecto e das liberdades que sustentan as sociedades occidentais, senón tamén as achegas recibidas en épocas máis recentes”
 
Santiago, 26 de xullo de 2016.- A sede do Lexislativo galego acolleu  este mediodía a presentación dos catro volumes que recompilan os discursos parlamentarios de Manuel Fraga como presidente da Xunta no período comprendido entre 1990 e 2005.
 
Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira,  amosouse convencido da “vixencia” que siguen mantendo na actualidade algunhas das propostas e reflexións políticas formuladas no seu momento por Manuel Fraga e recompiladas nos volumes presentados hoxe. Puxo como exemplo a proposta para avanzar no protagonismo do Senado como Cámara de representación territorial e tamén a “plena compatibilidade da nosa condición de galegos, españois e europeos”.
 
Neste punto, Santalices quixo poñer de manifesto “o moito que debemos a Europa, non só como berce de valores democráticos, da tolerancia, do respecto e das liberdades que sustentan as sociedades occidentais, senón tamén as achegas recibidas en épocas máis recentes –tamén diso nos dan conta estes libros- como consecuencia da adhesión de España á entón denominada Comunidade Económica Europea”.
 
Sobre as catro lexislaturas durante as que Manuel Fraga exerceu a Presidencia da Xunta, Santalices concluíu que houbo un antes un despois, para mellor” e “así o considera a maioría do pobo galego”.
 
Radiografía do país
 
Respecto aos libros, o presidente do Parlamento apuntou que constitúen “unha excelente fonte documental” para indagar na evolución de Galicia no período comprendido entre 1990 e 2005. O lector atopará nestes volumes “infinidade de datos que nos achegan unha radiografía da situación real de Galicia en cada momento, pero tamen citas eruditas e referencias históricas propias de quen, como Fraga, posuía unha cultura enciclopédica que lle permitía citar con soltura a autores clásicos da cultura universal, pero tamén aos pais do galeguismo, cos que se sentía plenamente identificado e nos que buscou permanente inspiración”.
 
Merecedores do recoñecemento xeral
 
O titular do Lexislativo galego explicou que a coa publicación da colección de discursos parlamentarios dos presidentes de Galicia, o Parlamento “está a facer xustiza”. Ao seu xuízo, “por riba das lóxicas, lexítimas e mesmo desexables diferenzas ideolóxicas e partidistas propias dos sistemas democráticos, cada unha das persoas que tiveron a honra de presidir o Goberno de Galicia deron o mellor de si para contribuír ao engrandecemento deste pobo”.
 
O presidente do Parlamento aproveitou o acto para
recoñecer “a dignidade coa que todos os expresidentes de Galicia teñen actuado unha vez cederon a responsabilidade a quen os sucedeu”. Todos -dixo- “deron exemplo de lealdade institucional, actitude que os honra e fai merecedores do recoñecemento xeral”.
 
A presentación dos libros celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e, contou tamén coa intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do xornalista Bieito Rubido, autor dos prólogos.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina