saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 8 de febreiro de 2017

 

4.2 744 (10/PNP-000056)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Carlos Enrique, López Crespo e 3 máis
Sobre a actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para a adecuación dos coeficientes redutores da idade de xubilación ás características da actividade marítimo-–pesqueira de Galicia.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 10, do 09.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a esixir ao Goberno do Estado que se manteñan os coeficientes reductores ata a entrada do Regulamento europeo polo que se definen as características dos buques de pesca e, unha vez que entre en vigor, iniciar un proceso de diálogo co sector de cara ao mantemento e mellora  dos coefiecientes redutores da idade de xubilación ás características da actividade marítimo-pesqueira de Galicia, toda vez que os cambios substanciais na realidade operativa das embarcacións e prácticas de marisqueo demanda esta posibilidade de cambio”.
 
4.4 2397 (10/PNP-000220)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego e a demanda que debe realizar ao Goberno central en relación coa causa iniciada por mariñeiros pertencentes á asociación Long Hope nos tribunais de Noruega para o recoñecemento do seu dereito a percibiren dese Estado as súas pensións de xubilación
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.12.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
 
1.- Esixir do Goberno central a inmediata reclamación ao Goberno noruego da devolución das taxas cobradas irregularmente aos mariñeiros galegos no país nórdico.
2.- Interpor, ao amparo do artigo 33 do Convenio Europeo de dereitos humanos, unha demanda diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra o Reino de Noruega por incumprir o Convenio europeo de dereitos humanos, por vulnerar a prohibición de discriminación por nacionalidade por esixir a residencia para a inclusión no sistema noruego de Seguridade Social aos nosos traballadores do mar emigrantes embarcados nos seus buques, que, pola contra, non se lles esixiu aos nacionais noruegos empregados nos mesmos barcos, sen que exista xustificación obxectiva e razonábel para iso”.
 
4.5 3015 (10/PNP-000263)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pontón Mondelo, Ana Belén e 5 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación cos depósitos de pneumáticos usados existentes en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 48, do 19.01.2017
 
O texto aprobado é o seguinte: 
 
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a :
 
1.- Continuar coa xestión e control dos pneumáticos usados, a través do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022.
 
2.- Completar de xeito inmediato a retirada e tratamento dos
pneumáticos usados acumulados en depósitos e vertedoiros incontrolados por xestores autorizados.
 
3.- Reforzar os medios en apoio aos concellos galegos, na ausencia de recuperación ambiental de puntos de vertido incontrolado.
 
4.- Colaborar con centros de investigación no impulso da I+D+i, orientada a fomentar os estudos de novas aplicacións de pneumáticos reciclados.”
 
4.8 3563 (10/PNP-000300)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García Míguez, María Ángeles e 6 máis
Sobre a realización de xestións polo Goberno galego diante do Concello co fin de adoptar as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller de Pontecaldelas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 53, do 26.01.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Concello de Pontecaldelas a fin de adoptar as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller deste municipio”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina