saltar ao contido

Santalices anima a recuperar a confianza en Europa e a superar as dificultades actuais da UE, “orfa de líderes e sobrada de demagoxia”

 
• O presidente do Parlamento inaugurou na Cámara autonómica unha xornada sobre “A incidencia da Adhesión á Unión Europea”
 
• Reivindica un maior protagonismo dos parlamentos rexionais pola súa proximidade aos cidadáns e a súa capacidade para articular un “relato ilusionante e coherente, capaz de contribuír a recuperar o compromiso cidadá con Europa”, sen obviar críticas nin propostas de mellora
 
Santiago, 5 de maio de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, efectuou hoxe un chamamento a superar os recelos que rodean actualmente á Unión Europea para recuperar a confianza no proxecto europeo, “beneficioso en termos xerais” no ámbito estatal e no autonómico.
 
Santalices Vieira inaugurou esta mañá na Cámara galega unha xornada sobre “A incidencia da Adhesión á Unión Europea”, na que a escasas datas da celebración do Día de Europa, se dan cita representantes de institucións e entidades europeas e das universidades, o conselleiro de Facenda da Xunta, ademais de contar cunha mesa redonda na que participarán os portavoces das catros forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia.
 
Vocación europea
 
O presidente do Lexislativo autonómico apuntou que con esta xornada europea se busca “poñer en valor a nosa irrenunciable vocación europeísta”, ademais de confrontar, desde unha visión plural, as diferentes lecturas que suscita arestora o proceso de construción europea.
 
Tendo en conta a proximidade dos parlamentos rexionais ao territorio e o seu contacto cos problemas da xente, Santalices reivindicou a capacidade destas cámaras  para “articular un relato ilusionante e coherente, capaz de contribuír a recuperar o compromiso cidadá con Europa sen obviar, por iso, a crítica construtiva nin as propostas de mellora, sen dúbida necesarias”.
 
Santalices afirmou que “recuperar a ilusión e o compromiso con Europa é hoxe un dos nosos obxectivos”, lembrando que a integración europea foi unha arela longamente agardada pola sociedade española, “pero só comezou a albiscarse como posible unha vez iniciada a transición cara a democracia”.
 
Dificultades do proxecto europeo
 
Recoñeceu o presidente da Cámara galega as serias dificultades ás que Europa se enfronta arestora, orfa de líderes e sobrada de demagoxia, como a que desembocou no Brexit, e  mesmo de exabruptos, como o que todos recordamos do presidente do Eurogrupo, do que aínda seguimos agardando unha resposta”.
 
Logo de admitir a razón de ser de algunhas críticas dirixidas ás institucións comunitarias, Santalices apelou tamén á responsabilidade individual da cidadanía respecto ao futuro de Europa. Puxo como exemplo, a segunda volta das eleccións presidencias francesas do próximo domingo, nas que “o veredicto das urnas condicionará, en gran medida, o camiño a seguir: unha Europa unida e que traballe para ser máis forte, ou o retroceso. Naturalmente son dos que desexa que a primeira opción tome corpo ao peche dos colexios electorais”.
 
Democracia e liberdade
 
Insistiu tamén o presidente do Parlamento en que, desde a entrada en vigor dos tratados europeos, o vello continente “gozou dunha etapa de estabilidade, prosperidade, democracia e liberdade nunca antes coñecidas”. Apuntou, nesta liña, que “UE é sinónimo de democracia e de liberdade, e actúa tamén como potente vacina fronte a calquera tentación totalitaria ou regresiva, aínda que esta se presente disfrazada”.
 
A xornada que hoxe acolle o Parlamento de Galicia enmárcase nos actos conmemorativos do 35 aniversario da Cámara galega e foi organizada nas datas previas ao Día de Europa (9 de maio). Coincide co 40 aniversario do ingreso de España no Consello de Europa e co 60 anos do Tratado de Roma. Será clausurada polo vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina