saltar ao contido

Santalices anima ao empresariado a coñecer e utilizar as diferentes ferramentas de participación cidadá do Parlamento de Galicia

 
• O presidente do Parlamento de Galicia participou nun xantar-coloquio no Club Financiero Atlántico da Coruña
 
• Reitera a vocación de apertura do Parlamento, tanto da súa propia sede como incrementando a presenza social da institución

Santiago, 29 de xaneiro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe, como convidado, nun xantar-coloquio organizado polo Club Financeiro da Coruña, onde explicou o funcionamento do Lexislativo galego e animou aos seus interlocutores a coñecer e a utilizar as diferentes ferramentas de participación cidadá habilitadas pola Cámara.
 
Apuntou, como exemplo, que o Parlamento de Galicia é unha das Cámaras que ofrece maiores facilidades para a presentación de proposicións de lei de iniciativa popular. Arestora, logo da reforma normativa acometida en 2015, abonda con que estas proposicións de lei conten co respaldo de 10.000 sinaturas, mentres que anteriormente se requirían 15.000 rúbricas.
 
Ao longo da súa historia, o Parlamento de Galicia leva aprobadas un total de  7 leis de iniciativa popular. A última delas foi a Lei 7/2017, de 14 de decembro, de medidas de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica.
 
A nova lei Lei de iniciativa lexislativa popular  e participación cidadá introduciu novas modalidades de participación no Parlamento, como as proposicións non de lei de iniciativa popular, que precisan do respaldo de 2.500 sinaturas. Desde 2015 rexistráronse no Parlamento de Galicia 7 proposicións non de lei de iniciativa popular, aínda que non todas foron asumidas e aprobadas. Das aprobadas, destacan a PNL de iniciativa popular sobre redución do tipo impositivo do IVE dos cueiros e, máis recentemente, unha PNL que demanda que a Filosofía sexa materia troncal no Bacharelato. As dúas foron aprobadas por unanimidade.
 
O Parlamento de Galicia tamén facilita que a cidadanía poda efectuar, a través da web, propostas ou suxestións referidas aos diferentes proxectos lexislativos en fase de tramitación; abre a porta á participación popular no control ao Goberno, mediante propostas de preguntas que posteriormente poderá asumir un grupo parlamentario; e canaliza o exercicio do dereito de petición ante o Parlamento por parte de calquera cidadán ou cidadá.
 
Abrir o Parlamento
 
No encontro de hoxe cos socios do Club Financiero Atlántico, o presidente do Parlamento de Galicia reiterou a vocación de apertura da institución ao conxunto da sociedade, apertura que, ao seu xuízo debe canalizarse mediante unha maior presenza da cidadanía no propio Pazo do Hórreo, e tamén a través de iniciativas como a de hoxe, co desprazamento de representantes da Cámara alí onde se lles convida para dar a coñecer o seu labor e tomar nota das suxestións que lles podan efectuar.
 
Neste sentido, Santalices Vieira considerou esencial o papel do empresariado e convidounos a achegarse ao Parlamento, tanto para coñecer mellor o traballo da institución, como na procura de solucións que podan contribuír ao crecemento da economía galega.
 
“O mecanismo está aí e nós imos seguir tratando de implantalo. Abrir o Parlamento significa estar onde está a sociedade e que a xente poda formular as súas propostas”, afirmou o presidente da Cámara en declaración aos xornalistas unha vez rematado o encontro.
 
Santalices apuntou que no coloquio xurdiu tamén unha proposta que el defende desde hai tempo e que propón incorporar o termalismo terapéutico á carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde.
 
No coloquio, o titular do Parlamento de Galicia foi presentado polo presidente do Club Financiero Atlántico, Mariano Gómez-Ulla.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina