saltar ao contido

Declaración institucional pola defensa e o porvir do Centro Galego de Bos Aires

O Centro Galego de Bos Aires, entidade emblemática da diáspora galega no mundo, que tivo na súa centenaria vida institucional unha actuación consecuente de defensa e promoción social, cultural e económica da Galicia territorial e da emigración porteña, hoxe require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo da súa desaparición.
 
Atendendo ao anterior, os galegos e galegas queremos facer un chamamento á sociedade e aos nosos representantes políticos (Xunta de Galicia, Parlamento Galego, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, universidades galegas e outras institucións e colectivos sociais e culturais de Galicia e da diáspora) co obxectivo de salientar a transcendental importancia que supón o feito de conservar unido todo o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires.
 
Na defensa deste enorme acervo material e inmaterial común aos galegos e galegas de acó e acolá, queremos e debemos ser respectuosos coas leis arxentinas que protexen os seus bens artísticos e culturais, coa colectividade galega do mundo, que conforma unha Galicia universal allea a lindeiros artificiais e, asemade, coas decisións soberanas das agrupacións do Centro Galego que traballan arreo na resolución deste conflito que compromete gravemente a prestación médica de calidade e o mantemento dos postos de traballo.
 
Do mesmo xeito, respectamos o noso sentir sobre a tradición mutualista, cultural, solidaria, galeguista e republicana que durante a longa noite do franquismo soubo manter acesa a luz da palabra, da razón, da democracia, da convivencia e da irmandade coa Terra Nai. Esa enorme tradición comunitaria de traballo, que brindamos á cultura do país de acollida, é enteiramente nosa, enteiramente galega, e maniféstase no patrimonio que queremos protexer e proxectar con fachenda cara ao futuro.
 
Por todo isto, os galegos e galegas demandamos da Xunta de Galicia e mesmo do Goberno español —a través do Ministerio de Asuntos Exteriores— actuacións concretas diante do Goberno arxentino encamiñadas a solucionar definitivamente o gravísimo problema polo que atravesa a centenaria institución. Reclamamos, en primeiro lugar, vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e socias e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial... e solicitamos esforzos para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir sendo referente de Galicia en Bos Aires.
 
A simboloxía do edificio e a función sanitaria, social e cultural do actual Centro Galego ofrece moitas e moi variadas posibilidades para que a Galicia do século XXI siga sendo unha das identidades que conforman a capital porteña, a grande cosmópole —como lle chamou Otero Pedrayo— que acolleu a milleiros de galegos e galegas, orgullo da nosa estirpe no mundo, símbolo histórico da galeguidade universal, corazón de Galicia e sangue nutricio da República Arxentina.
 
 
Santiago de Compostela, 21  de  marzo de 2018

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina