Declaración Institucional do Parlamento de Galicia con motivo da celebración do Día Internacional do Pobo Xitano

O Parlamento de Galicia, como cada 8 de abril, súmase á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano. Unha data que lembra o Congreso Mundial Xitano celebrado en Londres o 8 de abril de 1971 no que se instituíron a bandeira e o himno xitano, símbolos dunha identidade cunha historia e cultura propias. Un bo momento para a homenaxe e o recordo a todas aquelas vítimas xitanas dunha longa historia de exclusión, rexeitamento e persecucións. Un bo momento para lembrar ás nosas sociedades que o pobo xitano segue a vivir hoxe en día, en España e en Europa, unha cidadanía de segunda.
 
A pesar dos avances sociais que se produciron nas últimas décadas, e a pesar dos pasos que se deron máis recentemente no recoñecemento institucional da comunidade xitana, os xitanos e xitanas seguen vivindo situacións de grave desigualdade, exclusión e segregación, respecto ao conxunto da cidadanía; continúan sendo o grupo social máis discriminado, tanto en España coma na Unión Europea; e continúan excluídos dos procesos de participación social dos que goza o resto de cidadáns e ciudadás en sociedades coma as nosas. Desde  os poderes públicos moitas veces téñense dado respostas parciais, sectoriais e curtopracistas a unha realidade que non ten en conta o valor da diversidade cultural e que non a recoñece como factor de desenvolvemento na  sociedade. Falta abordar a cuestión xitana desde unha perspectiva integral de recoñecemento cultural, de dereitos e de cidadanía.
 
Fronte á persistente brecha de desigualdade que sofren as persoas xitanas no acceso e no gozo de dereitos sociais básicos, como o dereito a unha vivenda digna, o dereito á educación, ou a un traballo e a unhas condicións laborais equitativas e satisfactorias, cómpren políticas que realmente protexan, promovan e defendan dereitos, tamén das minorías e dos grupos socialmente máis desfavorecidos. Fronte ao crecente rexeitamento ao diferente e a discursos excluíntes que promoven prexuízos e estereotipos negativos e incitan á discriminación e ao discurso de odio cara a determinados grupos, como as personas xitanas, fai falta máis educación, máis sensibilización e máis aplicación da lexislación que garanta a promoción da igualdade e o dereito á non-discriminación. Fronte a dinámicas sociais que exclúen ou invisibilizan sistematicamente as persoas xitanas de procesos de participación cidadá e de recoñecemento cultural, fan falta políticas que favorezan espazos e canles de participación de persoas e grupos con identidades culturais plurais e diversas.
 
Para garantir o exercicio da plena cidadanía da comunidade xitana desde o recoñecemento á súa identidade cultural, é necesario, polo tanto, avanzar en paralelo en tres direccións: o acceso e o gozo en igualdade de condicións dos dereitos sociais; a protección fronte á vulneración do dereito á non-discriminación; así como o recoñecemento institucional da súa identidade cultural e a promoción da súa participación nas distintas esferas da sociedade, como cidadáns e cidadás, como xitanos e xitanas, poñendo en valor a súa identidade cultural e as achegas que ao longo da historia fixeron á sociedade.
 
O Día Internacional do Pobo Xitano, aínda sen ser recoñecido oficialmente en España, celébrase cada vez máis en pobos e cidades pola implicación e o compromiso de numerosas administracións, entidades e institucións, que recoñecen o pobo xitano como parte inherente da nosa sociedade. É un bo momento, polo tanto, para reivindicarmos a diversidade cultural e o valor que achegan as distintas identidades culturais, plurais, diversas e dinámicas, que, como a xitana, conforman a nosa sociedade.
 
Pero tamén é bo momento para pedirmos o apoio dos poderes públicos e a solidaridade da sociedade para avanzar,  como o están facendo outros grupos ou colectivos máis activos ou con maiores apoios na sociedade, cara ao recoñecemento duns dereitos económicos, sociais e culturais que permitan aos xitanos e xitanas non só melloraren as súas condicións de vida, senón seren parte activa da cidadanía.
 
 
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2018

Imaxes relacionadas