saltar ao contido

Arredor de 400 escolares coñecen o Parlamento de Galicia nunha xornada de portas abertas para infantil e primaria

 
• Trátase da segunda edición desta experiencia que complementa o programa de visitas guiada á sede do Lexislativo galego
 
• Santalices anima aos escolares galegos a coñecer o Parlamento e agradece a implicación do profesorado neste tipo de actividades

Santiago, 26 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia acolle esta mañá unha xornada infantil de portas abertas na que participan arredor de 400 escolares de Educación Infantil e Primaria escolarizados en centros das catro provincias galegas. O escolares foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
O presidente do Parlamento deu a benvida ás nenas e nenos e convidounos a participar nas actividades programadas para dar a coñecer as funcións e o traballo da Cámara. Santalices Vieira agradeceu tamén a implicación do profesorado para a realización deste tipo de actividades de divulgación.
 
Actividades
 
No Hemiciclo, recibiron explicacións sobre o funcionamento da institución, mentres que noutras dependencias participaron en actividades como quebracabezas ou a visualización de diferente material audiovisual. Os participantes na actividade tamén tiveron ocasión de coñecer unha edición facsimilar, a tamaño real, da Carta Xeométrica de Galicia, elaborada por Domingo Fontán na primeira metade do século XIX. A visita estivo animada polos Bolechas.
 
Os escolares coñeceron tamén o material didáctico e os xogos dispoñibles na web do Parlamento de Galicia para divulgar o papel do poder lexislativo galego entre as nenas e nenos de Infantil e Primaria (https://goo.gl/7MRoLi).
 
A de hoxe é a segunda xornada infantil de portas abertas que acolle o Parlamento de Galicia nesta Lexislatura. A actividade xurdiu para complementar e reforzar o programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia.
 
Desde marzo deste ano tamén está en marcha o programa “Coñece as túas institucións”, impulsado polo Parlamento e pola Xunta para divulgar o papel das institucións autonómicas e explicar a separación de poderes a estudantado de centros públicos. “Coñece as túas institucións” está dirixido a alumnado de 5º e 6º e primaria e 1º e 2º de ESO. O número de solicitudes de participación neste programa sitúase xa en 115 a día de hoxe.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 
 
 
 
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina