4.7 48070 (10/PNP-003633)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 14 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Ministerio de Fomento en relación co Plan director para o corredor Atlántico presentado o 20 de febreiro en Madrid.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 450, do 27.03.2019
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a demandar do Ministerio de Fomento:
1.- A remisión, á maior brevidade, do documento íntegro do Plan Director para o Corredor Atlántico que foi presentado o pasado 20 de febreiro en Madrid, ao obxecto de que este poida ser avaliado en profundidade polas Comunidades Autónomas do noroeste peninsular que se verán beneficiadas da súa inclusión neste corredor ferroviario.
2.- A elaboración dun Plan Director para o Corredor Atlántico consensuado, que recolla planificación e proxectos concretos de calidade para conseguir fondos europeos que se traduzan nunha verdadeira modernización desta liña ferroviaria, situando este corredor no mesmo nivel de prioridade que o Corredor Mediterráneo e no que se teña en conta o traballo coordinado e conxunto que veñen realizando nesta materia as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León. Que entre os proxectos concretos do Plan Director para o Corredor Atlántico se presta unha especial atención aos seguintes:
- A conexión do ferrocarril cos portos de interese xeral, o Porto Seco de Monforte e a Plisán, así como a conexión dos grandes parques empresariais e loxísticos.
- A conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira, garantindo financiamento a cargo da Unión Europea e dos Orzamentos do Estado sen aportación de fondos económicos pola Autoridade Portuaria da Coruña, de xeito que se podan licitar e dar comezo as obras este ano 2019.
- A tramitación e aprobación da saída sur de Vigo coa previsión de licitación de proxectos ao longo do ano 2019
3.- O nomeamento dun Comisionado de ADIF para o Corredor Atlántico con similares funcións e competencias que o nomeado para o Corredor Mediterráneo.
4.- Traballar con intensidade de cara á elaboración de documentos técnicos de calidade que favorezan a recepción de fondos europeos para a liña Vigo-Porto.
5.- A redacción dun Plan de conservación e modernización do resto da rede ferroviaria de Galicia no que, en coordinación co Plan Director para o Corredor Atlántico, se recollan as actuacións necesarias para favorecer e mellorar a mobilidade dos cidadáns. Este Plan incluirá, cando menos, as seguintes actuacións:
- Modernización da liña Ferrol-Ribadeo.
- Modernización e mellora do trazado da liña Ferrol-Coruña.
- Mellora da conexión Vigo-Porto.
- Modernización da liña Ourense-Lugo.
Asemade, primará vertebrar o territorio mediante a mellora das conexións, frecuencias e horarios entre as principais cidades e vilas galegas.
6.- A que no marco da revisión do Regulamento Europeo 1315/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 11 de decembro de 2013, demande a inclusión do Porto de Vigo na rede básica portuaria da rede transeuropea de transportes e inste ao Goberno do Estado a que actúe no mesmo sentido”.
4.8 48111 (10/PNP-003635)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Moreira Ferro, Jacobo e 16 máis
Sobre a posición e as demandas que debe trasladar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa decisión da Avogacía do Estado de avirse nos recursos interpostos contra o acordo de prórroga da concesión de Ence nos terreos de Lourizán, en Pontevedra, así como sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación cos seus traballadores.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 450, do 27.03.2019
O texto aprobado é o seguinte:
“1.- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central para:
a) Expresar o seu rexeitamento no cambio de criterio da Abogacía del Estado de allanarse aos recursos interpostos contra o acordo da propia Administración Xeral do Estado de prorrogar a Ence Energía y Celulosa S.A. a concesión de ocupación dos terreos de dominio público marítimo-terrestre en Lourizán (Pontevedra) onde se atopa a súa factoría.
b) Solicitar que asuma un compromiso expreso cos máis de 5.000 postos de traballo directos e indirectos ameazados, así como coas 80.000 familias galegas que verían afectadas as súas rendas da venda de madeira, e rectifique a decisión de allanarse aos recursos xudiciais indicados no punto anterior, ao supoñer un acto de inxerencia política nunha decisión administrativa que seguiu un expediente regrado.
c) Instar a salvagardar os principios de lealdade institucional, cooperación e coordinación entre Administracións, comunicando e consensuando co Goberno Galego as decisións que afecten á nosa Comunidade Autónoma.
d) Solicitar a avaliación dos custos que a declaración de nulidade da prórroga podería implicar para o erario público en concepto de responsabilidade patrimonial do Estado.
2.- O Parlamento de Galicia manifesta o apoio a todos os traballadores da empresa Ence que desenvolven o seu traballo na factoría ubicada en Lourizán (Pontevedra) e a todos aqueles que, de xeito directo ou indirecto, dependen na súa actividade laboral, da permanencia da empresa, ante a decisión adoptada polo Goberno central que compromete o futuro destes empregos”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.