saltar ao contido

O Parlamento de Galicia custodia a biblioteca e o arquivo persoal de Carballo Calero

 
• O presidente da Cámara felicítase pola elección de Carballo Calero como figura homenaxeada no ano 2020 e reitera que os fondos depositados no Parlamento están a disposición de estudosos e investigadores

Santiago, 23 de xuño de 2019.- A biblioteca persoal e o fondo documental atesourado por Ricardo Carballo Calero durante toda a súa vida está depositado no Parlamento de Galicia, institución que adquiriu este material en 1997 e que, unha vez catalogado, pon a disposición dos investigadores e persoas interesadas na súa consulta.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, felicítase pola decisión da Real Academia Galega de homenaxear a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910/ Santiago de Compostela, 1990) e reitera a dispoñibilidade absoluta do Lexislativo galego para facilitar o acceso aos fondos bibliográficos e documentais para facilitar o coñecemento desta figura clave na historia da lingua e a cultura galegas.
 
Fondos
 
A que no seu momento fora biblioteca persoal de Ricardo Carballo Calero está catalogada desde o ano 2012 e integrada por 4.872 volumes e 197 titulos de revistas. A maioría dos libros gardan relación coa literatura e a lingüística, disciplinas nas que se centrou o labor profesional de Carballo Calero, que foi o primeiro catedrático de lingua e literatura galega da Universidade de Santiago;  conta, ademais, con obras de historia ou filosofía.
 
Esta biblioteca pode resultar especialmente interesante para os investigadores que traballen no eido da lingüística e a literatura galegas. Inclúe unha moi completa colección de obras de autores galegos desde o séxulo XIX ata a década dos 80 do século pasado,  entre as que se atopan gran cantidade de primeiras edicións, coleccións completas e  obras de edicións esgotadas que no seu momento tiveran edicións de moi pequena tirada. Destacan tamén primeiras edicións de autores da xeración do 27.
 
O Parlamento de Galicia custodia tamén o arquivo persoal de Carballo Calero, descrito en preto de 3.500 entradas catalográficas.  Polo de agora, a visualización e descarga deste material está reservada á Intranet do Parlamento, pero é intención da Cámara facilitar o acceso universal e aberto aos diferentes materiais a medida que se dispoña de autorizacións ou que os documentos pasen a ser de dominio público, o que non impide a súa consulta na sede parlamentaria.
 
Cartas e manuscritos
 
Este fondo documental está integrado por material diverso no que se inclúen manuscritos do propio autor e preto de 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernández del Riego, Montero Díaz, Parga Pondal, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Álvarez Blázquez, Rodrígues Lapa ou Sebastián Martínez Risco.
 
O Parlamento de Galicia cuestodia tamén a biblioteca dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte (os dous foron escritores e xornalistas) e a da escritora Elena Quiroga e o marido desta, Dalmiro de la Válgoma.
 
O catálogo desta colección, ao igual que o catálogo xeral da biblioteca do Parlamento, pode consultarse a través da web da institución.
 
Os investigadores e outras persoas interesadas en consultar o material deben desprazarse fisicamente á sede da Cámara, previa autorización de acceso á Biblioteca da institución.
O exhaustivo labor de catalogación destes arquivos e bibliotecas e a dixitalización dos arquivos implicou un intenso traballo. O labor foi dirixido polos servizos do Parlamento de Galicia e contou coa participación activa dos bolseiros seleccionados ao abeiro da convocatoria do Parlamento de Galicia para a formación  práctica de arquiveiros, bibliotecarios e documentalistas.
 
Previamente fixérase unha primeira clasificación e descrición xeral da documentación e material bibliográfico que integra estas coleccións.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina