saltar ao contido

O Parlamento de Galicia incorpora videointerpretación en lingua de signos aos principais contidos da súa web

• A medida responde ás suxestións efectuadas por colectivos de persoas xordas e forma parte da aposta da Cámara pola integración das persoas con discapacidade

Santiago, 12 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia vén de incorporar á súa páxina web pezas de vídeo con interpretación en lingua de signos para facilitar a difusión dos principais contidos entre as persoas xordas, especialmente aquelas que podan presentar dificultades de comprensión lectora.
 
A decisión responde ás suxestións efectuadas á Presidencia da Cámara por algunas organizacións de persoas xordas e forma parte da aposta da institución por buscar a integración e achegarse ás persoas con algún tipo de discapacidade.
Nos últimos anos, o Parlamento de Galicia efectuou unha convocatoria específica dirixida a persoas con discapacidade intelectual, convocou unha bolsa de formación reservada para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% co fin de contribuír á súa integración laboral e asinou convenios de colaboración con diferentes organizacións que operan neste ámbito para impulsar a inserción e a concienciación social.
 
O Parlamento de Galicia tamén está a ultimar un proxecto para dotar o edificio de sinalética orientada a persoas con trastorno do espectro autista. Ademais, e como o propio presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, anunciou nunha xornada de sensibilización en materia de barreiras arquitectónicas  impulsada por COGAMI, o Parlamento de Galicia priorizará a mellora da accesibilidade á súa sede no marco do plan director do edificio, que se atopa en fase de redacción.
 
Exemplos de videointerpretación na web do Parlamento de Galicia:
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina