saltar ao contido

Santalices anima a que as familias actúen como “viveiros de galeguismo” para inculcar aos máis novos “a semente da nosa lingua, cultura e identidade”

 
• “Espallar galeguismo é plenamente compatible coa nosa condición de españois e europeos”, afirma
 
• O presidente do Parlamento participou no Museo do Pobo Galego na presentación do libro Galicia, de hoxe noutros corenta anos, que recolle parte dos relatorios dun foro do mesmo título
 
Santiago, 27 de febreiro de 2020.- “Nos nosos días, e nos que han de vir, cómpre que as familias e os fogares sexan e actúen como viveiro de galeguismo, para inculcar aos máis novos a semente da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa identidade seguindo, a escala doméstica, o ronsel deste benemérito Museo do Pobo Galego”. Así o manifestou hoxe o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na presentación do libro Galicia, de hoxe noutros corenta anos, que recompila parte dos relatorios pronunciados nun foro do mesmo título celebrado no Museo do Pobo Galego en 2017.
 
O volume foi editado co patrocinio do Parlamento de Galicia pola “orixinalidade da proposta”. A coordinación da obra correu a cargo de Manuel Blanco Desar que, no propio libro, amósase convencido de que “imos cara unha Galicia mestiza, tanto por necesidade como por vocación”.
 
A xuízo do presidente do Parlamento, esa mestizaxe “esixirá un esforzo de cada un de nós e dos nosos descendentes para manter e cultivar os nosos sinais de identidade, de cara a evitar o seu desdebuxamento na sociedade global do mañá”.
 
Sen exclusións nin sectarismos
 
Para Santalices, esta tarefa constitúe unha “obriga moral” que debe abordarse “son exclusións nin sectarismos, porque espallar galeguismo é plenamente compatible coa nosa condición de españois e europeos de pleno dereito”, e resulta compatible tamén con aprender inglés ou calquera outra lingua estranxeira, “cantas máis mellor”.
 
“A capacidade para preservar a nosa identidade ao tempo que nos abrimos ao mundo será, sen dúbida, unha das claves para gañarlle a batalla ao futuro”, agregou.
 
Afinidade con Iberoamérica
 
Na súa intervención, Santalices apuntou tamén a “condición e o potencial de Galicia como terra de acollida”, especialmente para as persoas procedentes de Iberoamérica como consecuencia dos lazos de sangue, culturais e  lingüísticos, tanto cos países de lingua castelán como cos lusófonos.
Amosouse convencido de que o devalo demográfico e a sostibilidade do estado de benestar constitúen dous dos principais retos aos que se enfronta a sociedade actual.
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina