saltar ao contido

O Parlamento de Galicia transfire á Xunta unha partida de 2 millóns de euros

 
• No escenario derivado do COVID-19, Santalices trasladou a proposta á Mesa da Deputación Permanente, que lle deu a súa aprobación por unanimidade

Santiago, 3 de abril de 2020.- O Parlamento de Galicia  transferirá á Xunta, con carácter inmediato, unha partida de 2 millóns de euros procedentes do remanente de tesourería da institución para contribuír ás necesidades orzamentarias derivadas da pandemia provocada polo COVID-19.
 
A medida foi aprobada esta mañá, por unanimidade, pola Mesa da Deputación Permanente por proposta do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
A partida de 2 millóns de euros transferida á Xunta é consecuencia da xestión racional dos recursos ordinarios do Parlamento de Galicia, caracterizada polo aumento da tramitación pública de licitacións respecto daquelas necesidades habituais da Cámara, mais tamén de outras actuacións puntuais e menores e da permanente procura dunha mellor relación calidade-prezo. A medida obrigará, non obstante, a axustar aínda máis a programación orzamentaria da Cámara.
 
Outras medidas
 
De maneira paralela, o presidente da Cámara cursou indicacións para minimizar o gasto ordinario da institución e reforzar o aforro. Asemade, os servizos económicos da Cámara están a axilizar a tramitación de toda a facturación para que os provedores cobren nun prazo aínda menor respecto ao habitual da institución, que ata o de agora oscilaba entre os 15 e 20 días.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina