saltar ao contido

Declaración Institucional con motivo da celebración do Día mundial contra o cancro

 

O cancro eríxese como o principal problema sociosanitario a nivel mundial. É a segunda causa de morte a nivel mundial e prevese un crecemento de máis do 30% dos novos casos para o 2030. Actualmente, no noso país, un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres serán diagnosticados de cancro ao longo da súa vida. Estímase que esta enfermidade afecta a 1,5 millóns de persoas en España e que se diagnostican no noso país case 280.000 novos casos cada ano.
 
A crise provocada pola pandemia da Covid-19 non fixo máis que agravar a situación de fraxilidade social e sanitaria das persoas con cancro e as súas familias como colectivo dobremente vulnerable, polo cancro e pola Covid-19.
 
As persoas con cancro e as súas familias están vivindo diversos e severos impactos desta crise:
 
- Impacto sanitario: probas diagnósticas e tratamentos demorados, incertidume e necesidade de información que axude a reducir o medo ao contaxio.
 
- Impacto emocional e social (persoal e familiar): soidade non desexada, ansiedade por retrasos nos tratamentos e/ou probas diagnósticas, medo ao contaxio e a volver aos hospitais, sufrimento ante as dificultades para acompañar e ser acompañados no proceso de final da vida e polo agravamento das dificultades económicas e laborais.
 
O Parlamento de Galicia, con motivo do Día Mundial contra o Cancro manifesta a súa solidariedade con todas as persoas afectadas por esta enfermidade e declara o compromiso da Cámara para contribuír a responder ás súas necesidades e paliar o impacto da pandemia nas súas vidas.
 
Neste sentido, o Parlamento de Galicia avoga por impulsar que se leven a cabo as accións pertinentes para paliar a súa situación de especial vulnerabilidade, así como garantir, en condicións de equidade, os dereitos das persoas con cancro e as súas familias.
 
Así mesmo, o Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio á investigación do cancro, como instrumento imprescindible na loita contra esta enfermidade, e traslada o seu recoñecemento a todas as asociacións e entidades que están acompañando ás persoas afectadas polo cancro, polo seu compromiso e labor continuada.
 
 
9 de febreiro de 2021

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina