saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 24 de marzo de 2021

4.3 10803 (11/PNP-001061)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da encomenda da construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia, na ría de Ferrol
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 101, do 24.02.2021

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a esixir do Goberno do Estado a encargar aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun BAM (Buque de Acción Marítima) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar". 


4.4 11302 (11/PNP-001116)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Queixas Zas, Mercedes e 2 máis
Sobre a demanda do Goberno galego dun plan estratéxico de recuperación e impulso da actividade comercial do porto da Coruña, a licitación polo Goberno central da conexión ferroviaria ao porto exterior de Langosteira, así como a xestión da condonación da débeda ou solución análoga
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 101, do 24.02.2021

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado:

1.- Un plan estratéxico de recuperación e impulso da actividade comercial do porto da Coruña, desde a súa representación no Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña.

2.- A licitación do acceso ferroviario do porto exterior de Punta Langosteira antes do vindeiro mes de xuño co compromiso firme do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de o incluír nos fondos europeos e, no seu defecto, asegurar os recursos orzamentarios necesarios para a súa execución.

3.- A condonación da débeda do Porto da Coruña con Portos do Estado ou a concesión dunha achega económica da cantidade equivalente

4.5 11701 (11/PNP-001145)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Murillo Solís, María Guadalupe e 5 máis
Sobre a actuación da Xunta de Galicia para dirixirse ao Goberno de España para promover as modificacións oportunas na lexislación estatal co obxecto de reducir o tipo impositivo do imposto sobre o valor engadido do 21 % ao 10 % en todas as prestacións de servizos deportivos e de actividade física prestados a persoas físicas que non estean xa exentos conforme a normativa en vigor
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 105, do 03.03.2021

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a

1.- Dirixirse ao Goberno de España para promover as modificacións oportunas na lexislación estatal co obxecto de reducir o tipo impositivo do Imposto sobre o Valor Engadido do 21% ao 10% en todas as prestación de servizos deportivos e de actividade física prestados a persoas físicas que no estean xa exentos conforme a normativa en vigor.

2.- Incluír o sector deportivo nos plans e accións, incluídos os de axudas directas, habilitados para paliar as consecuencias económicas derivadas da paralización ou diminución da actividade”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina