saltar ao contido

Declaración institucional sobre o Sáhara Occidental

O Parlamento de Galicia, ante a difícil situación humanitaria que se está a vivir nos campamentos de refuxiados do Sáhara, quere expresar o seu apoio e solidariedade ao pobo saharauí e ao seu lexítimo representante, a Fronte Polisaria, de conformidade cos principios enunciados na Carta das Nacións Unidas e nas resolución aprobadas pola Asemblea Xeral e o Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

Ante a actual situación de conflito armado, apelamos á responsabilidade das partes para acelerar o proceso negociador e atopar unha solución pacífica ao conflito, que respecte os dereitos e liberdades do pobo saharauí.

Consideramos imprescindible que Nacións Unidas, a través do seu secretario xeral, nomee un enviado ou representante especial para o Sáhara Occidental, con plenas garantías democráticas e de respecto aos dereitos humanos da poboación saharauí.

Recordamos ao Goberno español que debe facerse cargo das súas obrigas, como potencia administradora, defendendo os acordos internacionais e os dereitos humanos do pobo saharauí, exixindo no seo dos foros e organizacións internacionais o cumprimento dos acordos internacionais e a liberación dos activistas saharauís que permanecen de forma ilegal nas prisións de Marrocos.

Solicitamos a adopción das accións políticas e diplomáticas necesarias por parte do Goberno español e da Unión Europea para exixir ao Reino de Marrocos o respecto aos dereitos humanos e democráticos do pobo saharauí, cumprindo cos compromisos adquiridos coa Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO).

Exhortamos o Comité Internacional da Cruz Vermella a que asuma as súas responsabilidades ante os acontecementos que están a ter lugar no Sáhara Occidental, dado que as dúas partes en conflito son asinantes da Convención de Xenebra.


Por último, instamos os Gobernos galego e español a intensificaren a axuda humanitaria e a cooperación coa poboación saharauí, que resiste en condicións infrahumanas nos campamentos de refuxiados, contribuíndo a aliviar así as extremas condicións de vida dos seus habitantes e a cubrir as súas necesidades alimentarias, educativas e de aloxamento.

De maneira moi especial, queremos solicitar que se realicen todas as actuacións necesarias para subministrar vacinas contra a covid-19 ao pobo saharauí, como elemento imprescindible para previr unha expansión incontrolada da enfermidade, de consecuencias imprevisibles no contexto de precariedade sanitaria existente nos campamentos de refuxiados.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina