saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle a sinatura do Pacto Galego pola Infancia rubricado polas tres forzas políticas por proposta de Unicef

O Parlamento de Galicia acolle a sinatura do Pacto Galego pola Infancia rubricado polas tres forzas políticas por proposta de Unicef
 
• Pilar Rojo celebra o acordo dos tres partidos, que demostra que “é posible chegar a acordos, aunar vontades e compromisos”
 
Santiago, 4 de abril de 2010.- Os portavoces dos tres grupos parlamentarios da Cámara galega –Pedro Puy Fraga (PPdeG), Abel Losada Álvarez (PSdeG-PSOE) e Carlos Aymerich Cano (BNG)- asinaron hoxe, nun acto presidido pola titular do Parlamento, Pilar Rojo, o denominado Pacto Galego pola Infancia, promovido por Unicef, cuio presidente en Galicia, Manuel Sández Macho, estivo presente e deu lectura ao documento.
 
Durante o acto, a presidenta do Parlamento insistiu en que “todo o que fagamos” polos nenos e as nenas “será insuficiente”.
 
“Protexelos, procurarlles a mellor educación, velar pola súa saúde e crear as condicións idóneas para o seu mellor desenvolvemento físico e psicolóxico é un deber inexcusable para as familias, para o conxunto da sociedade e, por suposto, para os poderes públicos”, apuntou a presidenta do lexislativo galego referíndose á infancia. 
 
Sen embargo, ao seu xuízo, ningún deses obxectivos se materializará sen implicación activa de familia, sociedade e poderes públicos.
 
Acordo posible
 
A presidenta do Parlamento de Galicia agradeceu a sensibilidade amosada polo presidente de UNICEF Galicia e polos portavoces dos tres grupos políticos representados na Cámara autonómica, facendo posible asinar o Pacto Galego Pola Infancia.
 
“Gracias, sobre todo, en nome dos case 400.000 nenos e nenas galegos, pero gracias tamén no nome da institución que represento, porque a sinatura deste pacto é unha mostra evidente de que, ante  os temas realmente importantes (como este Pacto pola Infancia), é posible chegar a acordos, aunar vontades e compromisos”, apuntou Rojo Noguera.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación
 

Texto do PACTO GALEGO POLA INFANCIA
 
04/04/2011
 
No 2009, dos 2.796.089 galegos, 390.276 tiñan menos de 18 anos: 201.140 son nenos e 189.136 son nenas. Isto significa que o 13,95% da poboación de Galicia son menores e, polo tanto, están acollidos á Convención sobre os Dereitos do Neno.
 
1. ANTECEDENTES EN GALICIA
 
No ámbito da nosa comunidade autónoma, a Lei 3/1997, de 9 de xuño, da Familia, a Infancia e a Adolescencia, marca un fito de especial relevancia. Esta Lei constitúe o marco de configuración do Sistema de Protección á Infancia na Comunidade Autónoma e establece os principios reitores aos que deben axustarse as actuacións públicas e os procedementos necesarios para a aplicación das medidas adecuadas para a defensa e protección da infancia e adolescencia.
 
Do mesmo xeito, o Plan Estratéxico Galego de Infancia e Adolescencia 2007-2010 supuxo un paso adiante na estratexia de atención á infancia da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das súas competencias. Este Plan concíbese tomando como base de actuación a Convención sobre os Dereitos do Neno, para desenvolver unha cultura da promoción do bo trato á infancia e á adolescencia en Galicia, mediante actuacións cuantificables e concretas en tres ámbitos: a prevención, a protección e a reeducación.
 
Na actualidade, esta estratexia quere consolidarse traballando no proxecto de Lei de Apoio á Familia e á Convivencia, actualmente en trámite parlamentario.

2. A CONVENCIÓN SOBRE OS DEREITOS DO NENO.
 
A Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN, 1989) reta aos Gobernos a concibir a súa responsabilidade cara os cidadáns máis novos, a dar unha atención prioritaria á infancia creando ámbitos favorables para eles e a priorizar a inversión en infancia dando voz aos nenos e nenas.
 
Todos os programas e proxectos de acción que implementen os organismos públicos deben conter e estar baseados na CDN, e conter os principios reitores deste tratado internacional:
 
Artigo 2.  Non discriminación. Todos os dereitos deben ser aplicados a todos os nenos e nenas, sen excepción algunha.
 
Artigo 3.  Interese superior do neno. Todas as medidas respecto do neno deben estar baseadas na consideración do interese superior do mesmo.
 
Artigo 6.  Dereito á supervivencia e desenvolvemento.
 
Artigo 12.  Dereito á participación.
 
Nun modelo descentralizado como é o de España, son os gobernos locais e en especial os autonómicos os que deben comprometerse en liderar o proceso de asegurar a participación dos nenos e nenas nos seus ámbitos máis próximos.

3. O PAPEL DOS GOBERNOS LOCAIS
 
Os Gobernos locais teñen competencias, en función do artigo 25 da Lei de Bases de Réxime Local, en áreas que afectan directamente ao benestar e ao desenvolvemento dos nenos, tales como seguridade, ordenación do tráfico, xestión urbanística, parques e lugares de ocio, programas de prevención e atención sanitaria primaria, actividades de ocio e tempo libre, programación do ensino ou transporte público.
 
Son os gobernos locais as institucións que antes detectan as violacións dos dereitos da infancia e que máis e mellor traballan en programas de prevención dirixidos á infancia nos ámbitos sanitario, educativo e medioambiental. O labor dos gobernos locais é fundamental para investir no presente e futuro da infancia, que representa case o 14% do total da poboación de Galicia.
 
É necesario realizar un esforzo entre todos para incluír á infancia entre as prioridades da axenda política e social a nivel local e a nivel autonómico porque:
 
• O desenvolvemento da saúde da infancia, da súa educación e da súa participación activa é crucial para o futuro de calquera sociedade.
 
• A súa dependencia e o seu estado de desenvolvemento fai que sexan particularmente vulnerables, polo que son máis sensibles que os adultos ás condicións baixo as que viven, tales como a pobreza, a infravivenda ou a contaminación.
 
• Os nenos e as nenas tamén son máis sensibles ás accións ou omisións dos gobernos que calquera outro grupo.

4. GALICIA AMIGA DA INFANCIA
 
O Programa Cidades Amigas da Infancia de UNICEF naceu en 1996 co obxectivo de promover os dereitos da infancia e ter en conta as súas necesidades no desenvolvemento das políticas activas municipais. Unha Cidade Amiga da Infancia é unha cidade ou calquera sistema de goberno local que se compromete a respectar os dereitos da infancia. É un goberno local no que a opinión, as necesidades, as prioridades e os dereitos da infancia forman parte integrante das políticas e os programas. Trátase de crear un concepto diferente de cidade na que todos os cidadáns e cidadás son tidos en conta, incluso os máis pequenos.
O noso obxectivo coa infancia hase de transmitir a todos os axentes políticos, sociais, económicos e de calquera outra índole en Galicia para mellorar a vida dos nenos e nenas recoñecendo e realizando os seus dereitos e, polo tanto, mellorando as comunidades locais para o presente e o futuro, mobilizando os recursos necesarios para asegurar un desenvolvemento humano xusto e solidario, baseado no principio de "os nenos primeiro”.
 
Para iso, firmamos no presente pacto o noso compromiso para o impulso e desenvolvemento dos seguintes acordos:
 
1. Impulsaremos a elaboración e posta en funcionamento do II Plan Estratéxico Galego de Infancia e Adolescencia 2011-2014, como instrumento fundamental para garantir que os menores galegos gocen de todos os dereitos e liberdades que teñen recoñecidos pola Constitución, a Convención dos Dereitos do Neno e demais acordos internacionais ratificados por España, así como polo resto do ordenamento xurídico, para o avance nos sistemas de prevención e protección da infancia galega.
 
2. Apoiaremos e fomentaremos dentro das nosas organizacións políticas, alí onde teñamos responsabilidades a nivel municipal como labor de goberno ou desde a oposición, e do mesmo xeito a nivel autonómico:
 
• O desenvolvemento de órganos estables de participación infantil nos municipios galegos.
 
• A elaboración de plans municipais de infancia establecendo prioridades e metas baseadas nas necesidades específicas da infancia en cada localidade.
 
• O compromiso de manter ou optimizar os recursos económicos destinados ás políticas e servizos de familias e infancia nos concellos galegos.

3. Promoveremos, naquelas responsabilidades tanto a nivel municipal como a nivel autonómico que nos competan, o desenvolvemento e a implementación dos seguintes pasos para poñer á infancia na axenda política local:
 
• Contribuír a que a infancia galega teña a capacidade para influír sobre as decisións que se tomen na súa localidade.
 
• Abrir canles para a súa opinión sobre o concello que os nenos e nenas queren.
 
• Promover a súa participación na familia, na comunidade e na vida social.
 
• Garantir que todos os nenos e nenas receben servizos básicos como saúde, educación e protección sen discriminación.
 
• Establecer medidas para promover a súa protección da explotación, a violencia e o abuso.
 
• Impulsar políticas urbanísticas e de seguridade que lles permitan pasear e xogar en entornos seguros.
 
• Establecer as medidas necesarias para que podan desenvolverse nun entorno cun medio ambiente saudable non contaminado.
 
• Facilitar a súa participación en eventos sociais e culturais.
 
• Garantir a todos os nenos e nenas galegos a oportunidade de ser un cidadán igual aos demais, con acceso a calquera servizo, independentemente da súa orixe étnica, relixión, nivel económico, xénero ou discapacidade.

4. Afirmamos que os seguintes principios deben ser considerados no deseño, execución e avaliación dos programas de acción social orientados á infancia:
 
• Reducir ou mitigar os riscos sociais e económicos que afectan directamente á vida dos nenos e nenas.
 
• Investir en políticas de prevención redutoras de riscos.
 
• Intervir tan axiña como sexa posible cando os nenos están en risco, a fin de evitar perdas ou danos irreversibles. 
 
• Mitigar os efectos de crise, exclusión e pobreza sobre os nenos, recoñecendo que as familias precisan apoio para que se garanta a igualdade de oportunidades mediante: 
 
- Provisións especiais para chegar aos nenos que son especialmente vulnerables e excluídos, incluídos os nenos sen coidado parental, os que están marxinados dentro das súas familias ou comunidades debido ao seu xénero, discapacidade, etnia ou outros factores.
 
- Considerar os mecanismos dentro da dinámica do fogar e no alcance que estes teñen sobre os nenos e nenas, con especial atención ao equilibrio de poder entre homes e mulleres dentro do fogar e na comunidade en xeral.
 
- Incluír a voz e a opinión de nenos e nenas, os seus coidadores e os rapaces e rapazas na comprensión e o deseño de sistemas de prevención e protección social e programas.
 
5. Do mesmo xeito, acordamos crear unha comisión de seguimento deste Pacto, que se reunirá anualmente para analizalo e facer público o grao de cumprimento acadado nos compromisos adquiridos.
 
En dita Comisión participará un representante de cada un dos partidos abaixo asinantes e dous representantes de UNICEF.
En definitiva, comprometémonos a garantir e protexer os principios consagrados na Convención sobre os Dereitos do Neno, na Constitución Española, así como no ordenamento xurídico no seu conxunto.

Os abaixo asinantes, D. Pedro Puy Fraga como Voceiro do Grupo Parlamentario Popular (PP), D. Abel Losada Álvarez como Voceiro do Grupo Parlamentario Socialista (PSdG) e D. Carlos Aymerich Cano como Voceiro do Grupo Parlamentario BNG, subscribimos este Pacto para que conste a todos os efectos, ratificado por D. Manuel Sández Macho como Presidente de UNICEF Galicia e en presenza de Dna. Pilar Rojo Noguera, Presidenta do Parlamento de Galicia.
 
En Santiago de Compostela, a 4 de abril de 2011
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina