saltar ao contido

Acordos da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, celebrada o 3 de setembro de 2021

 
A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 3 de setembro de 2021, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso

 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 13871 (11/PNC-001412)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Rodríguez Dacosta, María del Carmen e Seco García, Martín
Sobre a garantía e posta en valor pola Xunta de Galicia dos montes veciñais en man común como forma de copropiedade galega
BOPG n.º 123, do 13.04.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que garanta e poña en valor os Montes Veciñais en Man Común (MVMC) como forma de copropiedade galega, dado que a perda destes montes sería tamén a perda dunha pegada importante da historia de Galicia e da súa economía segundo manifestan sindicatos agrarios, organización de persoas propietarias forestais, expertos en xestión forestal e gandeiro e movementos ambientalistas."
 
- 17267 (11/PNC-001759)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Candia López, María Elena e 13 máis
Sobre a postura que debe defender a Xunta de Galicia perante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación respecto da negociación da política agraria común 2023-2027
BOPG n.º 155, do 16.06.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que na negociación da PAC 2023-2027 ante o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación defenda a seguinte
postura:
 
1.- Con carácter previo ao peche das negociacións deberá demandarse ao Goberno central que se traslade á Xunta de Galicia todos os datos necesarios para poder determinar a afectación aos agricultores e gandeiros galegos do modelo que se propón polo MAPA. En especial, é imprescindible que o MAPA nos faga coñecedores de todos os datos da súa proposta sobre a delimitación, as superficies e os importes da axuda básica nas novas rexións PAC, en particular daquelas nas que estarían as explotacións galegas.
 
2.- A definición de agricultor xenuíno, como perceptor das axudas do primeiro piar da PAC e dalgunhas do segundo piar, debe basearse no requisito de que unha porcentaxe significativa dos seus ingresos totais (como mínimo o 25%) sexan ingresos procedentes da actividade agraria, admitindo tamén como agricultor xenuíno a aquel que se atope dado de alta na seguridade social como traballador por conta propia no réxime agrario.
 
3.- No relativo ao debate sobre a superficie con dereito a cobro das axudas da PAC, non é admisible a apertura a novos cultivos, viñedo, froitas e hortalizas, localizados maioritariamente no sudeste español, sen antes regularizar o déficit de superficie admisible con dereitos que ten Galicia respecto da media nacional.
 
4.- Demandamos que a contía da axuda básica por hectárea nas diferentes “rexións PAC” teña en conta as diferentes realidades existentes, no plano agronómico e socioeconómico, en especial o emprego agrario xerado por unidade de superficie.
 
5.- Deben asignarse ás axudas asociadas o máximo de fondos que permita o regulamento europeo (13% + 2% cultivos proteicos) e manter como mínimo para os sectores de vacún de leite, vacún de carne e ovino-caprino unha dotación similar ao período 2014-2020, incluíndo ademais o castaño nas axudas asociadas para froitos de cáscara.
 
6.- Demandamos unha aplicación intensa do pago redistributivo en canto á porcentaxe de fondos que se destinen ao mesmo. O pago redistributivo deberá aplicarse considerando a superficie media por explotación a nivel nacional e non dentro de cada “rexión PAC”. Sobre esa base, deberá haber un maior pago ás primeiras hectáreas co obxecto de beneficiar as pequenas e medianas explotacións, en especial aquelas de agricultores e gandeiros cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios, dando prioridade sobre todo aos de carácter profesional.
 
7.- En canto ao límite das axudas por explotación (capping) e a degresividade, defendemos a súa aplicación nas máximas porcentaxes de redución das axudas aos maiores perceptores que permita o regulamento europeo finalmente aprobado. Para a aplicación deses mecanismos non deben deducirse os custos laborais, coa única excepción das explotacións asociativas, nin tampouco os pagos a empresas externas (servizos externos contratados). O destino dos fondos derivados do capping e a degresividade deberá aplicarse a nivel nacional e non dentro de cada “rexión PAC”.
 
8.- Defendemos a introdución de novos ecoesquemas e a modificación dos que propón o MAPA, para que respondan á realidade da agricultura e gandería galegas, de xeito particular os que favorezan a extensificación da gandería e a recuperación dos sistemas agroforestais. Os ecoesquemas propostos polo MAPA deberán adaptarse ás características da agricultura e gandería galegas,  introducindo de forma transversal as seguintes características:
 
- Aplicar en todos os ecoesquemas nos que sexa pertinente un complementovinculado á prevención de incendios.
 
- Estender o complemento previsto para as superficies en Rede Natura ás zonas con limitacións naturais.
 
- Introducir en todos eles unha modulación da axuda por estratos de tamaño.”

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina