saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia ao 9 de novembro de 2021


 
3.1 10807 (11/PNP-001065)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da encomenda da construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia, na ría de Ferrol
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 101, do 24.02.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"1.- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a esixir do Goberno do Estado a encargar aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun BAM (Buque de Acción Marítima) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar.
 
Adicionalmente, para complementar esta acción, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
 
a.- O cumprimento do mandato unánime do Parlamento de Galicia sobre a firma do Pacto de Estado por Ferrol que dea unha resposta conxunta aos problemas da comarca, protexa o emprego e o tecido industrial e garanta un futuro para Ferrol, Eume e Ortegal.
 
b.- A designación, por parte do presidente do Goberno de España, dun representante do Goberno para a interlocución directa coa  Xunta de Galicia sobre o Pacto de Estado por Ferrol e demais asuntos que afectan á comarca, podendo ser estas as vicepresidencias primeira e segunda do Goberno.
 
c.- A inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 do orzamento completo e necesario para a construción das fragatas F-100, proxectadas polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018.
 
d.- A iniciar os trámites necesarios para constituír unha Zona Franca en Ferrol, que dinamice a actividade comercial e industrial da comarca e reactive o emprego.
 
e.- A dotar dos orzamentos necesarios para desenvolver, entre os anos 2022 e 2023, infraestruturas para modernizar as instalacións de Navantia Ferrol, nomeadamente a construción dun dique seco que permita poñer en marcha un estaleiro 4.0 que reforce a competitividade, mellore a eficiencia e prepare o estaleiro para os retos de futuro.
 
2.- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia á creación dunha delegación da Xunta en Ferrol no primeiro trimestre do ano 2022, que reforce a presencia do Goberno galego na comarca e atenda de primeira man as necesidades de Ferrolterra”.
 
3.3 20065 (11/PNP-001832)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Arangüena Fernández, Pablo e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para declarar o estado de emerxencia climática en Galicia, activar unhas políticas transversais para acadar a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, promover o investimento en I+D+I e implicarse no Pacto verde europeo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 191, do 25.08.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Ga!icia insta a Xunta de Ga!icia a:
 
1º)  Aprobar  a  declaración  ante  a  emerxencia  climática  en  Galicia,  co  obxectivo primordial de comprometer todas as futuras políticas do Goberno de Galicia, sexa cal sexa a súa cor política, para facer fronte a esta emerxencia que ameaza o noso futuro individual e colectivo.
 
2º) Comprometerse a activar, coa máxima urxencia, políticas transversais en todas as áreas e accións de Goberno, para acadar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, así como a neutralidade climática non máis tarde de 2050,  de non ser posible facelo antes dende o punto de vista técnico e económico.
 
3º) Promover o investimento en I+D+i en novas tecnoloxías que impulsen a descarbonización  de todos  os sectores da  economía  galega susceptibles  de  emitir gases de efecto invernadoiro.
 
4º) Revisar a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 para adaptala á consecución dos obxectivos de redución do 55% de GEl (gases de efecto invernadoiro) no 2030, tal e como marca a Comisión Europea.
 
5º) Implicarse activamente no Pacto Verde europeo e nos
obxectivos de redución do 55% de GEl, promovendo decididamente a transición ecolóxica xusta e a integración de Galicia na nova economía verde."
 
3.4 21035 (11/PNP-001914)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 3 máis
Sobre o compromiso de creación dunha comisión de estudo para abordar unha proposta de reforma do sistema de financiamento
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 198, do 15.09.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego aproba, por resolución, comprometer, previo cumprimento dos requisitos regulamentarios correspondentes e dentro do marco normativo vixente, a creación dunha comisión de estudo para abordar unha proposta de país diante da reforma do sistema de financiamento”.
 
3.6 22733 (11/PNP-002056)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 15 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ante o Goberno de España para a activación de medidas en favor da industria electrointensiva
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 206, do 29.09.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a activación urxente das medidas pendentes en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura, nomeadamente as seguintes:
 
1) Incrementar o orzamento destinado ás subvencións relativas ao mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases efecto invernadoiro á contía máxima permitida pola Unión Europea (25 % dos ingresos obtidos nas poxas de CO2), polo que esta partida podería chegar aos 450 millóns de euros en 2022.
 
2) Activar o Fondo Español de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas para a cobertura dos riscos derivados de operacións de compravenda a medio e longo prazo de subministración de enerxía eléctrica (PPA) entre consumidores de enerxía eléctrica que teñan a condición de electrointensivos, a través do CESCE.
 
3) Convocar de modo inmediato as poxas de electricidade de orixe renovable para a adquisición por parte dos consumidores electrointensivos.
 
4) Establecer mecanismos de xestión da demanda que permitan ofrecer flexibilidade ao sistema eléctrico o que, á súa vez, servirá para reducir o custo eléctrico final.
 
5) Proceder á intervención pública na factoría de Alcoa en San Cibrao, inicialmente de forma transitoria a través da SEPI, coa fin de asegurar o mantemento do emprego e da actividade industrial e facilitar a súa posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viable”.
 
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina