saltar ao contido

Unha exposición repasa os 40 anos de historia do Parlamento de Galicia

 
• A mostra foi inaugurada este mediodía no Pazo do Hórreo polos presidentes da Xunta e do Parlamento e a partir de marzo percorrerá Galicia
 
• Esta comisariada por Ramón Villares e  responde a tres premisas básicas: amena, didáctica e rigorosa
 
• Santalices apunta que case oito décadas despois da constitución do Consello de Galiza, “a experiencia destes 40 anos de democracia e autonomía de Galicia permítenos facer balance e afirmar alto e claro: misión cumprida”

Santiago, 15 de decembro de 2021.- O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021 é o título da exposición inaugurada este mediodía no Pazo do Hórreo para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
 
A mostra foi inaugurada polos presidentes da Xunta e do Parlamento de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e Miguel Ángel Santalices Vieira, nun acto que tamén contou coa intervención do comisario da mostra, o  catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares.
 
O presidente do Parlamento volveu recordar o “grave déficit de coñecementos históricos” que arrastra a sociedade galega, razón que animou  organizar esta mostra, concibida a partir de tres premisas: “que fose amena, didáctica e absolutamente rigorosa”.
 
A exposición estará aberta ao público na sede do Parlamento de Galicia ata o vindeiro mes de marzo. A partir de entón comezará un percorrido itinerante, como xa se ten feito con outras actividades divulgativas organizadas pola Cámara galega. “Desde xa, ofrezo a exposición a cantas institucións teñan interese en albergada”, sinalou Santalices.
 
O presidente do Parlamento recordou que o 15 de novembro de 1944 se constituíu en Montevideo o Consello de Galicia como “depositario da lexitimidade histórica deturpada pola ditadura e arelando un horizonte de democracia e autonomía para Galicia”.
 
Misión cumprida
 
En opinión de Santalices, “case 80 anos despois da data fundacional do Consello de Galiza, a experiencia destes 40 anos de democracia e autonomía de Galicia permítenos facer balance afirmar alto e claro: misión cumprida”.
 
“Misión cumprida –agregou- por termos dotado Galicia dunha democracia avanzada e de institucións sólidas que exercen o noso autogoberno desde unha óptica inclusiva que a ninguén exclúe. Misión cumprida por xestionarmos a autonomía con responsabilidade e plena lealdade ás restantes institucións do Estado. Misión cumprida por centrarmos o traballo das institucións nas necesidades das persoas e velarmos pola concordia entre as galegas e galegos. Misión cumprida por traballarmos cada día ao servizo da xente na terra dos bos e xenerosos; na Galicia Nai e señora da que, nun día coma hoxe, agora e sempre, nos sentimos lexitimamente orgullosos”.
 
Alborada democrática
 
Para finalizar, o presidente do Parlamento de Galicia recordou que a Galicia actual está en débeda co “legado de homes como Castelao, como González López ou como Madariaga, no exilio exterior; de Ramón Piñeiro ou Otero Pedrayo, no exilio interior; de personalidades como Filgueira Valverde, que traballaron desde as institucións ao servizo de Galicia; da memoria das vítimas, do sufrimento e da enteireza das súas familias; e tamén, en suma, da totalidade das galegos e galegas que sobrelevaron con dignidade a longa noite de pedra que rematou con éxito na alborada democrática que deu paso á Constitución e ao Estatuto de Autonomía que sosteñen o autogoberno de Galicia”.
 
Colaboradores
 
O comisario da mostra contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias. A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
Santalices avanzou que a exposición será complementada cun libro no que académicos das universidades galegas abordarán, desde unha óptica plural, as catro décadas de autonomía galega. Ao seu xuízo, “neste tempo de globalización, de realidade líquida e de fake news, a reflexión sosegada continúa a ser necesaria –se cadra máis ca nunca- para suplirmos e complementarmos o xuízo apresurado condensado nuns poucos caracteres”.
 
O acto inaugural foi conducido pola xornalista Sabela Romar e contou coa actuación musical do grupo Leilía.
 
Saúdos, Gabinete de comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina