saltar ao contido

Presentan no Parlamento un informe sobre prevención secundaria do ataque cardíaco e o ictus

• Foi presentado polos doutores González Juanatey e Portela ao presidente da Cámara e representantes da Comisión 5ª, Sanidade

Santiago, 23 de maio de 2022.- “Prevención secundaria del ataque cardíaco y el ictus. Perfil de país para España” é o título dun informe elaborado por especialistas e pacientes no ámbito das enfermidades cardiovasculares de diferentes países europeos que esta mañá foi presentado no Parlamento de Galicia polos doutores José Ramón González Juanatey, xefe do Servizo de Cardioloxía e UCC do Hospital Clínico Universitario de Santiago, e por Manuel Portela, xefe do servizo  da Atención Primaria do centro de saúde Concepción Arenal.
 
No encontro, ademais do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participaron tamén a presidenta da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, Corina Porro, e cadanseu representante dos tres grupos parlamentarios: María Encarnación Amigo (PPdeG), Iria Carreira (BNG) e Julio Torrado (PSdeG-PSOE).
 
Problema social
 
Segundo os autores do informe, o infarto de miocardio e o ictus constitúen un problema social de primeira orde en España. Na actualidade, hai máis de 1,5 millóns de persoas con cardiopatía coronaria —cuxa última consecuencia é o infarto de miocardio—, e máis de 552.000 pacientes que sobreviviron ao ictus. Pero estas cifras van en aumento. Ademais, os pacientes que sufriron ataques cardíacos e ictus presentan un risco elevado a sufrir repeticións. Todo iso supón un considerable custo económico para a sociedade e o sistema sanitario.
 
En Galicia, prodúcense 1.100 infartos con elevación do ST de miocardio ao ano. A incidencia do infarto agudo de miocardio en Galicia sitúase en máis de 200 casos por cada 100.000 habitantes.
 
O informe sobre prevención secundaria do ataque cardíaco e o ictus busca afondar na necesidade dun proceso asistencial da síndrome coronaria aguda e prevención secundaria en cada área sanitaria.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina