saltar ao contido

Declaración institucional sobre o 25 aniversario do secuestro e asasinato de Miguel Ángel Blanco

Todas as vítimas do terrorismo de ETA en España deben ser recordadas, pero o secuestro e posterior asasinato do político demócrata Miguel Ángel Blanco, cuxo único pecado era representar ao Partido Popular como concelleiro da localidade de Ermua, supuxo unha reacción nunca vista antes na sociedade española.
 
Hoxe, 25 anos despois do seu asasinato, debemos lembrar a ese mozo inocente e tamén ese movemento que permitiu apuntalar durante anos os nosos principios democráticos fronte a unha das principais ameazas que a sociedade española tivo que superar ao longo do último medio século como foi a lacra do terrorismo.
 
Aquelas mobilizacións sen precedentes deron lugar ao nacemento do Espírito de Ermua, e supuxeron o auténtico punto de inflexión na loita democrática contra o terrorismo etarra, e Miguel Ángel Blanco, un vasco con profundas raíces galegas, converteuse nun símbolo da loita da sociedade española por seguir construíndo unha España democrática, plural, respectuosa e libre da senrazón terrorista, baixo un berro unánime de Basta Xa!
 
Recentemente, coñeciamos estudos sociolóxicos que amosan que un de cada dous mozos descoñecen quen é Miguel Ángel Blanco; e por iso mesmo, 25 anos despois daqueles tráxicos acontecementos, faise máis necesario ca nunca recordar que a democracia precisa do compromiso inescusable do conxunto da sociedade coa defensa dos seus valores.
 
O Parlamento de Galicia, no 25 aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco, quere manifestar a súa repulsa contra calquera uso de violencia e, de maneira moi especial, expresar a súa mais rotunda condena polo asasinato do concelleiro de Ermua Miguel Ángel Blanco, e de todos os crimes cometidos pola banda terrorista ETA.
 
Asemade, o Parlamento de Galicia ratifica o seu compromiso na defensa dos valores democráticos dunha etapa de liberdade xurdida do proceso de Transición democrática que culminou na aprobación da Constitución Española de 1978.
 
O Parlamento de Galicia quere expresar o seu recoñecemento a Miguel Ángel Blanco e aos máis de 800 asasinados pola banda terrorista ETA, así como a todas as vítimas do terrorismo, e reclama o compromiso de todas as administracións públicas para que o seu legado non caia no esquecemento, pois cada un deses homes e mulleres forman parte imprescindible da historia do noso país. Para todas e todos eles reclamamos, máis unha vez, memoria, dignidade e xustiza.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina