saltar ao contido

Santalices reivindica o “sentidiño" que caracterizou as catro décadas de xestión da Autonomía galega “desde unha exquisita lealdade á Constitución e ás institucións do Estado"

 

 

 

  • Recibiu en Madrid o Trofeo Galeguidade outorgado pola Orde da Vieira ao Parlamento de Galicia

 

  • O presidente do Parlamento de Galicia expresa a súa preocupación polo corte no trazado da Autovía A-6 tralo colapso do viaduto do Castro e  considera “inaceptable" a “lentitude" da resposta ministerial para restituír a conexión

 

Santalices reivindica o “sentidiño" que caracterizou as catro décadas de xestión da Autonomía galega “desde unha exquisita lealdade á Constitución e ás institucións do Estado"Santiago, 25 de marzo de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu esta tarde en Madrid o Trofeo Galeguidade, na modalidade de persoa xurídica, outorgado pola Orde da Vieira á Cámara galega como recoñecemento ás súas máis de catro décadas de historia, por ter sempre presente a emigración galega e pola estratexia de apertura á sociedade que impulsa nos últimos anos.

 

Santalices Vieira agradeceu a distinción no nome de todos os integrantes do Parlamento de Galicia -os actuais e cantos formaron parte do Parlamento desde a súa constitución- e fixo un percorrido pola historia do Lexislativo galego, desde a súa primeira sesión, o 19 de decembro de 1981, no Pazo de Xelmírez.

 

Referiuse á Galicia de hai 40 ou 50 anos, “unha comunidade atrasada, mal comunicada en con carencias de todo tipo". A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia, “en termos xerais fomos capaces de reverter aquela situación de atraso, da man dunha xestión caracterizada polo sentidiño, evitando charcos innecesarios e sempre desde unha exquisita lealdade á Constitución e ao conxunto das institucións do Estado".

 

Na súa opinión, se outros territorios e comunidades tivesen actuado do mesmo xeito que Galicia durante estas décadas “a España dos nosos días estaría libre de boa parte dos problemas que veñen á mente de todos".

 

Apuntou Santalices que “a autonomía galega é unha historia de 40 anos de éxito, nos que o Parlamento de Galicia xogou un papel determinante na súa condición de primeira institución da Comunidade Autónoma".

 

Preocupación polo corte da A-6

 

O titular do Lexislativo galego expresou a súa “profunda preocupación" polo corte no trazado da Autovía A-6, no límite entre Galicia e Castela e León, como consecuencia do colapso do viaduto do Castro, en xuño do ano pasado, que obriga a derrubar e reconstruír os dous viadutos desa zona.  Considerou “inaceptable" a lentitude" das autoridades ministeriais á hora de resolver este problema que ten repercusións negativas para o conxunto da sociedade, tamén en termos económicos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina