saltar ao contido

Santalices apunta que “reducir a dependencia externa pasa en gran medida pola investigación como a que desenvolve o IDIS"

 

 

  • O presidente do Parlamento participou en Santiago no acto de entrega do XXIII Premio Nóvoa Santos de investigación, outorgado por ASOMEGA á Dra. Luz Couce, directora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago

 

Santiago, 26 de abril de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde en Santiago no acto de entrega da XXIII Edición do Premio de Investigación Nóvoa Santos, convocado pola Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), e que nesta edición recoñece a traxectoria da Dra. Luz Couce, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS)e investigadora líder do grupo de Metabolopatías.

 

Na súa intervención, Santalices recordou que logo de varias décadas de bonanza, o mundo actual atravesa “turbulencias descoñecidas que plantexan serios desafíos". Neste contexto apuntou que aínda que non se trata de volver  á autarquía do pasado, tanto en España como en Europa “temos que replantexarnos algunhas estratexias para incrementar a nosa autosuficiencia".

 

IDIS, o camiño a seguir

 

En opinión do presidente do Parlamento de Galicia, “reducir a dependencia externa Pasa, en gran medida, pola investigación básica e aplicada, como a que de desenvolve no IDIS", con profesionais que destacan polo seu “talento, capacidade de traballo e vocación de excelencia". “Este é o camiño a seguir", apuntou Santalices Vieira.

 

 

30 anos de ASOMEGA

 

O titular do Lexislativo galego felicitou tamén a ASOMEGA, e ao seu presidente, o Dr. Julio Ancochea, pola traxectoria desta asociación, fundada hai 30 anos en Madrid por un grupo de 15 médicos galegos. Hoxe, tres décadas despois, a Asociación de Médicos Galegos “navega a velocidade de cruceiro e con dimensión internacional, evidenciando o enorme prestixio da escola Médica Compostelana", concluíu Santalices.

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina