saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle este mércores unha xuntanza de exdeputados no marco da celebración do 30 aniversario da Cámara

 
• Con este acto, Pilar Rojo quere render homenaxe aos artífices do desenvolvemento autonómico de Galicia e reivindicar os valores do parlamentarismo e a pluralidade democrática
 
• O Parlamento tamén ten previsto descobrir senllas pracas de agradecemento en Xelmírez e Fonseca –as súas sedes provisionais- e celebrar un Pleno solemne conmemorativo, entre outras actividades

 
Santiago, 29 de novembro de 2011.- O Parlamento de Galicia acollerá mañá mércores, 30 de novembro, unha xuntanza de ex-deputados e deputados en activo, no que suporá o primeiro acto conmemorativo do 30 aniversario do lexislativo autonómico, constituído o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez.
 
Co acto do vindeiro mércores, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, quere render homenaxe ás diferentes persoas que, desde hai 30 anos, teñen ocupado un escano na Cámara galega, recoñecendo a súa achega ao desenvolvemento autonómico de Galicia e, ao tempo, reivindicar os valores do parlamentarismo e a pluralidade democrática.
 
A homenaxe celebrarase no Salón dos Reis do Parlamento e contará coa intervención de representantes de cada grupo parlamentario, un representante da Asociación de Exdeputados, a presidenta da Cámara e o presidente da Xunta.
 
Este acto constitúe a primeira dunha serie de actividades que se desenvolverán ao longo das próximas semanas co gallo da celebración do 30 aniversario da Cámara.
 
Pleno solemne e pracas en Xelmírez e Fonseca
Así, o próximo 19 de decembro –data na que se cumpren 30 anos da celebración da primeira sesión constitutiva da Cámara- o, o Parlamento de Galicia celebrará un Pleno solemne conmemorativo.
 
Nas datas previas, descobrirase unha praca no Salón Principal do Pazo de Xelmírez -primeira sede provisional- como mostra de agradecemento pola cesión desas dependencias. Máis adiante, o Parlamento tamén deixará constancia do seu agradecemento pola cesión do Salón Nobre do Pazo de Fonseca, que foi sede provisional do Parlamento de Galicia mentres non estivo rematada a definitiva do Pazo do Hórreo.
 
O Parlamento de Galicia acolle, desde o pasado mes de xullo, a exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada para recuperar e poñer en valor as dúas primeiras Lexislaturas da institución autonómica.
 
Tamén no marco do seu 30 aniversario, o Parlamento de Galicia e maila Asociación de Exdeputados organizaron un ciclo de conferencias en centros de ensino secundario coa participación de un exdeputado de cada unha das forzas políticas representadas na Cámara. O primeiro ciclo de conferencias celebrouse no curso pasado e, en breve, iniciarase unha segunda quenda.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina