saltar ao contido

Dolores Rodríguez Amoroso e Luis Gómez Piña toman posesión como deputados no Parlamento de Galicia, que tamén designa aos tres senadores en representación da Comunidade Autónoma

O Pleno do Parlamento designou a José Manuel Romay Beccaría, Juan Manuel Jiménez Morán e Pablo García García como senadores en representación da Comunidade Autónoma de Galicia
<p class='clearfix'></p>
 
 A Cámara elixe a Francisco Cerviño González como vicepresidente 2º do Parlamento, en substitución de Ricardo Varela
 
• O Pleno do Parlamento designou a José Manuel Romay Becaría, Juan Manuel Jiménez Morán e Pablo García García como senadores en representación da Comunidade Autónoma de Galicia
 
• O Parlamento elixe a Luis de la Matta Cantó como membro do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia
 

Santiago, 29 de novembro de 2011.- Dous novos deputados tomaron posesión este mediodía no Parlamento de Galicia, Trátase de Mª Dolores Rodríguez Amoroso (PSdeG-PSOE), en substitución de Ricardo Varela Sánchez; e Luis Antonio Gómez Piña (PSdeG-PSOE), en substitución de  Guillermo Antonio  Meijón Couselo.
 
PERFÍS DOS NOVOS DEPUTADOS
Dolores Rodríguez Amoroso
Lugo, 1978
Licenciada en dereito pola Universidade da Coruña. Experta en dereito urbanístico. Avogada pertencente ao Colexio de Avogados da Coruña.
 
Asesora de Relacións Institucionais da Delegación do Goberno en Galicia desde o 2009 ata a toma de posesión como deputada.
 
Secretaria xeral  das Xuventudes Socialistas de Galicia desde o 2005 ata 2009 e presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, organismo autónomo da Xunta de Galicia, desde o ano 2004 ao 2009 .
 
Foi elixida membro da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE no Congreso Extraordinario de Ourense(1998-2000). Fundadora da asociación estudantil IESGA. Foi representante de estudantes na UDC, onde foi membro do Consello de Goberno da Universidade da Coruña e do Consello Social da Universidade da Coruña. Foi a secretaria de Política Universitaria da Comisión Executiva Federal das Xuventudes Socialistas de España. Membro do Consello Escolar de Galicia e do Consello Galego de Medio Ambiente. É experta en asociacionismo, mocidade e xénero.
 
Deputada  pola circunscrición electoral de Lugo
 
 
Luis Antonio Gómez Piña
Lisboa (Portugal),  1969
Está casado e ten dous fillos. Ten estudos de política e economía.
 
Deputado nas Cortes Xerais na pasada lexislatura pola provincia de Pontevedra.
 
Foi concelleiro na Cañiza (Pontevedra) desde o ano 1991 e portavoz do Grupo Municipal Socialista. Tamén foi Secretario Xeral da comarca do Condado e da Paradanta (2001-2009). Actualmente é secretario de organización do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra. Substitúe no Parlamento Galego ao deputado pontevedrés Guillermo Meijón, que saíu elixido na lista do Congreso dos Deputados por esta provincia.
 
Deputado pola circunscrición electoral de Pontevedra.
 
ELECCIÓN DE VICEPRESIDENTE 2º
Paralelamente, o Pleno da Cámara galega elixiu, na súa sesión de hoxe, a Francisco Cerviño González como vicepresidente 2º do Parlamento, en substitución de Ricardo Varela.
Francisco Cerviño é nefrólogo. Foi xerente do Hospital da Coruña e do Hospital Gregorio Marañón. Foi vicesecretario do PSdeG-PSOE. Deputado na IV, VI, VII e VIII lexislaturas do Parlamento de Galicia.
SENADORES
O Pleno do Parlamento tamén designou a José Manuel Romay Becaría, Juan Manuel Jiménez Morán e Pablo García García como senadores en representación da Comunidade Autónoma de Galicia.
 
José Manuel Romay Beccaría conta cunha ampla experiencia política tanto no ámbito da administración local, como autonómica e nacional. Romay Beccaría naceu en Betanzos (A Coruña) en 1934 e licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago. Letrado do Consello de Estado durante 45 anos, ao largo da súa carreira política ocupou cargos relevantes como presidente do Consello de Estado, ministro de Sanidade; secretario xeral de Sanidade; subsecretario da Presidencia do Goberno do Estado e do Ministerio da Gobernación; vicepresidente e conselleiro de Agricultura e de Sanidade da Xunta de Galicia; presidente da Deputación de A Coruña; concelleiro en A Coruña; e director do Instituto de Estudos da Administración.
 
Así mesmo, Romay Beccaría foi deputado nas Cortes Xerais nas lexislaturas II, III, IV e VII; e contou con escano no Parlamento galego entre os anos 1993 e 1996. Dentro do Partido Popular, é presidente de Honra do PP de Galicia e na Coruña, e na actualidade ocupa o cargo de tesoureiro nacional e auditor de prácticas internas.
 
José Manuel Romay está en posesión das Grandes Cruces españolas de Carlos III, Isabel La Católica, Mérito Civil, San Raimundo de Peñafort  e Sanidade, ademais da Gran Cruz ao Mérito da República de Austria. Tamén recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito Sanitario de Galicia, o Premio Montero Ríos e o título de Fillo Predilecto e a Medalla de Prata da súa cidade natal.
 
Pola súa banda, Juan Manuel Jiménez Morán é un profundo coñecedor da realidade da administración local e das súas necesidades. Axudante técnico sanitario e diplomado universitario en Enfermería, é concelleiro de Verín desde o ano 1983 e alcalde deste concello ourensán en dúas etapas: desde 1995 ata abril de 2004 e desde xuño de 2007 ata a actualidade. Así mesmo, formou parte do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia desde xullo de 1994 ata a actualidade.
 
Jiménez Morán é membro da Executiva Rexional do Partido Popular desde o ano 1996, formación na que actualmente é coordinador de Acción Electoral.
 
Pablo García García naceu en Silleda en 1972. É diplomado en Maxisterio e ten realizado cursos de psicopedagoxía.
Conta cunha ampla experiencia no mundo agrogandeiro, tanto na xestión de explotacións agrícolas como no ámbito sindical, dado que durante seis anos foi secretario de organización do sindicato Unións Agrarias,  no que milita dende hai  máis de 15 anos.
 
No Congreso de Pontevedra de abril de 2009, Pablo Pablo García foi elixido Secretario de Organización do PSdeG-PSOE. En setembro de 2009 foi nomeado senador por designación autonómica.
 
Nestes dous anos no Senado foi viceportavoz da Comisión de Defensa e vicepresidente da Comisión de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
 
CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DA CRTVG
Ademais, o Parlamento elixiu ao xornalista Luis de la Matta Cantó como membro do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia
Nado en Madrid en 1981, Luis de la Matta é licenciado en Ciencias da Información e diplomado en Comunicación Audiovisual. Ao longo da súa traxectoria profesional, foi redactor dos xornais ABC e El Mundo, e na actualidade é o xefe de Prensa e Comunicación do Partido Popular de Galicia.

 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina