saltar ao contido

Intervención do portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE, Abel Losada Álvarez, na Solemne sesión conmemorativa do XXX aniversario do Parlamento de Galicia

Sra. Presidenta. Señor Presidente da Xunta de Galicia, membros do Goberno, anteriores presidentes do Parlamento de Galicia e da Xunta de Galicia, deputados e deputadas,  autoridades e convidados que nos acompañan.
Señorías,
Permítanme que lles fale desde a fonda emoción, respecto e afecto que os socialistas galegos sentimos polo Parlamento de Galicia e o noso Estatuto de Autonomía. Tal e como corresponde ao único partido que estivo en todos os procesos de elaboración e consolidación do marco que hoxe rexe o noso autogoberno, no difícil ano de 1936 e no ano 1981.
Aínda que corresponde á propia cidadanía galega a principal felicitación no día de hoxe, quero deixar testemuña do noso agradecemento aos compañeiros e compañeiras, con independencia da súa ideoloxía ou partido, que formaron parte deste hemiciclo, e especialmente a aqueles que xa non están con nós. 
Quixera que esta referencia aos que nos precederon sexa excluída de calquera pose maniquea, e só sexa vista como un intento de poñer a énfase sobre o valor de contar con 30 anos de Parlamento de Galicia.
Sobre o que significa en termos de consolidación da convivencia democrática deste país, do que temos que sentirmos orgullosos, e que afastou das nosas conciencias pantasmas omnipresentes nos anteriores intentos de democratización de Galicia e de España.
Hoxe, quizais, os monstros que ameazan este prezado logro agóchanse noutras paraxes, como é a fenda, cada vez maior, entre a economía, a política e a cidadanía.
Así, mentres os partidos laiámonos do escaso interese e da falta de participación da cidadanía na toma de decisións, cústanos dar respostas e incorporar novos xeitos de interrelación entre a política e a sociedade.
Na época en que os cambios se producen globalmente e a un ritmo máis vertixinoso ca nunca, os políticos temos que superar os problemas de compatibilidade cunha sociedade cada vez máis informada e interconectada. 
Como deputados e deputadas, ten que ser a nosa principal preocupación e responsabilidade, a aproximación entre cidadanía e representantes. Esta é a base irrenunciable de calquera parlamento democrático, polo tanto, o obxectivo principal dos que neste momento aquí estamos.
Señorías,
O Parlamento constitúe a institución central do noso sistema político. O emblema do noso autogoberno. Un ben nacional que certifica a capacidade da cidadanía para dotarse de normas de convivencia, e que implica a responsabilidade dos galegos e das galegas na construción do seu futuro.
Ao longo destes trinta anos esta institución ten pasado por diferentes avatares. De seguro que sería difícil acadar un consenso na propia Cámara sobre os momentos do seu maior ou menor esplendor institucional.
De todos os xeitos, parece innegable que un comezo confuso deu paso a un período de sometemento á excesiva dependencia do Executivo, por mor da configuración da Cámara, das maiorías absolutas que se produciron nela por vontade da cidadanía.
Os socialistas apostamos por un Parlamento forte e dinámico. E fixemos todo o que estivo na nosa man cando a correlación de forzas parlamentarias nolo permitiu.
Fornecemos un talante novo, favorecedor do diálogo e o consenso na Cámara. Convertemos en habituais as comparecencias do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño nas sesións plenarias, permitindo un control máis eficaz da acción do goberno por parte do lexislativo.
Situamos a igualdade de xénero como un elemento central das nosas políticas, e propuxemos a primeira presidenta desta Cámara, Dolores Villarino.
Quero reivindicar tamén o esforzo que levamos a cabo na adaptación aos novos tempos das institucións e dos instrumentos para a mellora da gobernanza, establecendo canles de diálogo na procura da reforma do Estatuto de Autonomía.
Lamentamos non ter acadado unha resposta positiva e suficiente para levar a cabo esta tarefa pendente.
Pode que o novo marco competencial que entón se propoñía, o botemos de menos hoxe, á hora de afrontar unha situación económica e social, que todos recoñecemos como moi complicada.
Señorías,
Parlamento e Estatuto. Estas son as ferramentas políticas para encarar o futuro.
Durante os últimos trinta anos serviron para mellorar as condicións de vida dos galegos e das galegas, e para afianzar a conciencia de país.
O autogoberno deixou de ser patrimonio de minorías para ser interiorizado pola cidadanía, ata tal punto que hoxe ninguén entendería Galicia sen as súas institucións.
Foi no marco destas que, entre todos e todas, tanto os que residimos en Galicia, como aqueles que se viron obrigados a construír os seus proxectos de vida fóra das nosas fronteiras, logramos o maior período de crecemento e de converxencia cos territorios da nosa contorna.
Agromaron novas oportunidades de desenvolvemento ao carón de infraestruturas que van saldando, na medida do posible, unha débeda histórica coa nosa terra. A última en termos cronolóxicos, o tren de alta velocidade.
E neste senso, señorías, permítanme que facendo uso da palabra na quenda do meu grupo, sinale a consecución destes avances, non só no eido económico e das infraestruturas, senón de xeito especial, e conxuntamente con resto das comunidades autónomas, no ámbito da educación, da sanidade e do benestar.
Coincide con esta celebración a apertura dunha nova xeira, na que unha forza política vai gobernar en case todos os ámbitos da administración, estatal, autonómica e boa parte da municipal; dando, de xeito histórico, unha responsabilidade especial a un só partido.
Trátase do froito da decisión soberana da cidadanía e, polo tanto, merece o noso respecto. Pero entraña unha serie de riscos que, en virtude da non menos respectable e defendible labor dun partido con vocación de goberno, debemos sinalar.
Galicia e España viviron un proceso de modernización e de apertura cara a Europa de enorme magnitude nos últimos trinta anos.
Puxéronse as bases do Estado do benestar, creouse o Sistema Nacional de Saúde, a educación, pública, universal e gratuíta, as pensións non contributivas, o recoñecemento e a extensión de dereitos civís e a atención a dependencia...
En definitiva, un compendio de logros que constitúen o patrimonio e o sinal da sociedade, que ao longo destes anos, contribuímos entre todos a crear.
A crise económico-financeira sitúa nunha encrucillada estes avances.
Algúns logros en materia de dereitos universais que considerabámos inalterables, intocables, sitúanse da noite para a mañá en risco de supervivencia.
As prestacións por desemprego, nun momento de paro alarmante que tanto afecta á vida e ás expectativas das persoas e das familias, a atención médica, a educación, están en risco como dereitos universais e gratuítos.
Preocúpanos cando escoitamos medidas que empezan a debuxar distincións entre cidadáns de primeira e de segunda para a prestación de servizos médicos, incluso a poñer en entredito o dereito constitucional á asistencia, a través de estrañas interpretacións do acceso ao sistema público de saúde.
Débese saír da crise antepoñendo estes dereitos a outros intereses, que semellan máis próximos aos dos poderes económicos e financeiros que aos dos cidadáns.
Aparte dos riscos que se cernen sobre estes dereitos, quixera chamar a súa atención sobre as consecuencias derivadas da xestión discutible dun recurso estratéxico para axudarnos a saír da crise.
Estou a falar da ameaza de recorte nos avances que se teñen acadado en materia de autogoberno. Apelo, neste sinalado día, á lembranza dos alicerces desta institución lexislativa e as súas particulares dificultades de inicio.
Apelo á memoria dos seus primeiros moradores, que loitaron para conquistar para Galicia a capacidade de decisión política propia, reflectida nun poder lexislativo, e non meramente administrativo, cun elevado teito competencial.
Nos non imos aceptar de ningunha maneira tentacións recentralizadoras.
Apelo tamén ás palabras de Ramón Piñeiro cando manifestaba que, “para acadar o noso corpo social será precisa unha teimosa e intensa acción reformadora e anovada, que modifique a estruturación administrativa, económica e cultural do noso país... Na mesma medida en que arraíce e se estenda a nosa vida cultural, estenderase e arraizará a nosa conciencia colectiva de pobo, con personalidade de seu, con vontade de a desenvolver.
Nesta conciencia fonda e rexa do propio ser, é onde radica verdadeiramente o destino histórico do pobo galego. Sen iso, valerían de ben pouco tódalas estruturas institucionais que se lle puidesen ofrecer como solución aos seus problemas”.
Nós, esperamos que todas as forzas políticas esteamos xuntas para afianzar o entramado institucional propio de Galicia, para reforzar o papel deste Parlamento e para afondar na nosa capacidade de autogoberno.
En definitiva, para defender un criterio claro, ninguén coñece os nosos problemas mellor ca nós mesmos, e ninguén vai  atopar mellores solucións para eles.
Por que, como dixo Castelao, “Todo se lle pode negar a Galiza, menos a súa cordura, o seu anceio autonómico e a súa vontade federalista”.
Quixera, para rematar, retrotraerme aos comezos.
Nos 75 anos do Estatuto de Autonomía de 1936, quero falar da MEMORIA con maiúsculas, para recordar aos que deixaron a vida, ou sufriron o exilio ou a cadea, por defender un goberno de seu para Galicia.
A eles lles pido inspiración para todos nós, no desempeño da nobre tarefa que o pobo nos encomendou. E de seguro que atoparemos nas súas sabias palabras, elementos para avanzar na nosa autonomía, para ser donos do noso futuro. 
O tempo vai esgotado. Os meus mellores desexos para esta Cámara, coa esperanza de que sexamos dignos depositarios da sabedoría vertida por outros antes que nós, e saibamos empregar con dignidade os nosos escanos como instrumentos para a construción dun futuro mellor para a sociedade galega.
Moitas grazas.
    
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina