saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

O PPdeG RESALTA QUE A REFORMA DO IMPOSTO DE TRANSMISIÓNS PATRIMONIAIS E ACTOS XURÍDICOS DOCUMENTADOS DEMOSTRA QUE O PRESIDENTE FEIJÓO CUMPRE OS SEUS COMPROMISOS DE AXUDA ÁS FAMILIAS, AOS XÓVENES E Á ECONOMÍA GALEGA

IMPOSTO TRANSMISIÓNS PATRIMONI 14/09/2009

• A rebaixa do imposto suporá, por exemplo, para unha familia numerosa ou unha parella de mozos, un aforro de máis de 6.600 euros na adquisición dunha vivenda de 180.000.
• A reforma enmárcase na serie de medidas adoptadas polo Goberno de Núñez Feijóo de dinamización da economía e apoio ás familias nos seus catro primeiros meses de xestión, que se iniciaron co Plan de Austeridade na Administración e entre as que Pedro Puy subliñou o Plan de Choque contra a crise económica, o Plan Renove, o Plan de Banda Larga, o Plan acuícola, o de vivenda, o Plan Move de infraestruturas, as medidas de apoio ao sector lácteo, a concesión de avais por valor de 150 millóns de euros para reactivar o tecido empresarial ou a recentemente anunciada rebaixa nas peaxes.
• O portavoz de Economía do Grupo Popular, Pedro Puy, contrasta as medidas do novo Goberno da Xunta coas políticas socialistas de “máis gasto e maiores impostos, nun contexto no que os países que están a saír da crise están a facer o contrario”

Santiago, 12 de setembro de 2009.- O proxecto de lei de reforma do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, que se debaterá proximamente no Parlamento, constitúe unha demostración de que o presidente Feijóo cumpre os seus compromisos de axuda ás familias, aos xóvenes e á economía galega. Así o puxo de manifesto hoxe en rolda de prensa o portavoz de Economía e Facenda do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, quen lembrou que o dito compromiso “foi o primeiro en materia de medidas fiscais contra a crise que anunciou o actual presidente da Xunta na campaña electoral” e sinalou que a este “seguirán outros ao longo da lexislatura”, tales como os relativos á taxas portuarias, IRPF, sucesións e doazóns.
Ademais da rebaixa do imposto no caso de acceso á vivenda para familias numerosas e menores de 36 anos, a reforma da Lei incluirá tamén unha rebaixa para a sucesión empresarial coa inclusión dunha emenda presentada polo Grupo Parlamentario Popular. Así, ademais de contribuír á dinamización do mercado inmobiliario, e de apoiar á mocidade, o PP busca favorecer aos titulares daqueles negocios nos que o patrimonio inmobiliario constitúe un valor importante e están suxeitos ao pagamento deste tributo, facilitándolles a súa continuidade, “co que se favorece a permanencia no mercado galego, en lugar do peche, e polo tanto o mantemento dos postos de traballo que xeran”, segundo subliñou Pedro Puy.
Esta rebaixa fiscal supón pasar o 7% ao 4%, cunha redución do 43%, nas transmisións patrimoniais, mentres que nos Actos Xurídicos Documentados o imposto baixará desde o 1% actual ao 0,3% con carácter xeral (-66%) e do 0,75% vixente ao 0,3% na adquisición da primeira vivenda habitual (-50%). A rebaixa do imposto suporá, por exemplo, para unha familia numerosa ou unha parella de mozos, un aforro de máis de 6.600 euros na adquisición dunha vivenda de 180.000.
MÁIS DE 7 MILLÓNS DE BENEFICIO PARA OS CIDADÁNS
Unha vez aprobada a lei, a medida terá carácter retroactivo para a adquisición de vivenda habitual desde o 1 de xullo de 2009. Tomando como referencia os datos da recadación obtida por este imposto nos catro primeiros meses deste ano, calcúlase que o beneficio fiscal para os cidadáns será de máis de 7 millóns de euros, dos que máis de 6 beneficiarán aos menores de 36 anos, cartos que “en boa medida se poden recuperar polo efecto dinamizador que terá no mercado inmobiliario, o incremento da actividade indirecta e a recadación nos tributos asociados”.
O deputado explicou que a reforma contempla límites na aplicación das rebaixas, xa que, “non son axudas para mercar pazos, como algúns teñen dito”. Así, o patrimonio non debe superar os 400.000 euros nos casos de familias numerosas –máis 50.000 euros adicionais por cada membro que supere o mínimo de familia numerosa-; nin os 250.000 para os menores de 36 anos –máis 30.000 euros por cada membro adicional que conforme a unidade familiar-. O deputado salientou, ademais, que a contabilización do patrimonio é para o conxunto de persoas que utilizarán o inmoble adquirido como vivenda habitual (sexan ou non da unidade familiar), o que “evitará que se beneficien desta medida persoas con patrimonio elevado que participan na adquisición xunto con outras cun patrimonio reducido”. Igualmente sinalou que nesa contabilización do patrimonio incluése o valor do inmoble adquirido sen descontar as dédebas asumidas cando o pagamento é aprazado ou se realiza con financiamento alleo, “o que, directamente, establece un límite ao valor da vivenda adquirida que se acolle á redución do Imposto”. No que atinxe á sucesión de negocios, esíxese que as empresas teñan o seu domicilio social en Galicia e que manteñan polo menos durante 5 anos os inmobles afectos á actividade empresarial.
A reforma da lei “é unha medida que pon o autogoberno ao servizo das persoas, utilizando as capacidades normativas en materia tributaria para contribuír a atallar a crise”, indicou Puy, quen remarcou que con ela “favorécese a continuidade de negocios viables e redúcese o prezo de compras de vivendas nun gasto, ademais, que non ten financiamento alleo nas actuais circunstancias, nas que os préstamos se conceden polo 80 por cento do valor do inmoble”.
GOBERNAR PENSANDO NAS PERSOAS
O tamén portavoz adxunto do Grupo Popular fixo especial fincapé en que a reforma do imposto enmárcase na serie de medidas adoptadas polo Goberno de Núñez Feijóo de dinamización da economía e apoio ás familias nos seus catro primeiros meses de xestión, que se iniciaron co Plan de Austeridade na Administración e entre as que Pedro Puy subliñou o Plan de Choque contra a crise económica, o Plan Renove, o Plan de Banda Larga, o Plan Acuícola, o de vivenda, o Plan Move de infraestruturas, as medidas de apoio ao sector lácteo, a concesión de avais por valor de 150 millóns de euros para inxectar liquidez no tecido empresarial ou a recentemente anunciada rebaixa nas peaxes. “O principal compromiso de Núñez Feijóo de gobernar pensando nas persoas e na solución dos principais problemas derivados da situación económica se está a cumprir desde o primeiro momento”, afirmou.
Pedro Puy contrastou as medidas do novo Goberno da Xunta coas políticas socialistas de “máis gasto e maiores impostos, nun contexto no que os países que están a saír da crise están a facer o contrario”. Nese sentido, referiuse aos anuncios do Goberno de Zapatero de subir os impostos “de xeito que a xa difícil situación de tantos cidadáns agravarase ao ter que pagar a ineficiente xestión e as continuas improvisacións dos socialistas, xusto o contrario de o que hai que facer, que é defender aos cidadáns ante esa situación”, algo que é “precisamente, o que fai o Goberno de Núñez Feijóo con este tipo de medidas”.
saltar ao pe de páxina