saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

RUIZ RIVAS SALIENTA QUE NA ACTUAL LEXISLATURA O PARLAMENTO DE GALICIA “ESTÁ A CONVERTERSE DE VERDADE NO CENTRO DA VIDA POLÍTICA GALEGA”

BALANCE PERIODO SESIONS DESAYU 13/07/2010

• O portavoz do Grupo Popular lamenta que a oposición non teña “a mesma vontade de facilitar o labor lexislativo” que amosou o PPdeG na anterior lexislatura, na que os populares apoiaron un 40% das leis aprobadas, mentres que na presente etapa os socialistas só respaldaron dúas e os nacionalistas unha dun total de 15.
• As críticas dos grupos da oposición pola suposta falta de actividade parlamentaria en xullo “danse de bruzos coa realidade”, como o demostra o Pleno extraordinario previsto “por segundo ano consecutivo” para que o presidente da Xunta informe sobre a situación económica ou o desenvolvemento de traballo de ponencias como a de estudio para a reforma da Lei da CRTVG, ao que previsiblemente se sumarán reunións doutras comisións como a de Asuntos Europeos para dar trámite en prazo a cuestións relativas ao principio de subsidiariedade.
• No que vai de lexislatura tramitáronse o 68% das iniciativas rexistradas polo BNG e o 59% das presentadas polo Grupo Socialista; respostáronse máis de 16.000 preguntas escritas e 1.431 orais reconvertidas;  e tramitáronse a metade das solicitudes de información realizadas.
• En pouco máis dun ano de lexislatura, o Grupo Popular rexistrou xa un 40% de toda a actividade que rexistraron os grupos que apoiaban ao Bipartito no total da lexislatura anterior.
 
Santiago, 7 de xullo de 2010.- O Portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, considerou hoxe “altamente positivo” o balance do período de sesións que ven de rematar e do conxunto da actual lexislatura, na que salientou que o Parlamento de Galicia “está a converterse de verdade no centro da vida política galega”. O voceiro parlamentario do PPdeG destacou especialmente deste período a aprobación da Lei do Solo, lograda cun amplo consenso e que, xunto co Plan do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio, suporá “unha notable mellora urbanística e territorial de Galicia, compatibilizando uso e protección. Así mesmo, resaltou o deseño do Plan Estratéxico, que responde ao Pacto pola economía acadado no Debate sobre o estado da Autonomía, do que xurdiron outros acordos importantes como, entre outros, o Pacto polo Territorio ou o Pacto pola dinamización demográfica, materializado na creación da correspondente comisión parlamentaria.
Nun encontro cos medios de comunicación, Ruiz Rivas remarcou que a aprobación de dúas proposicións de lei de iniciativa popular demostra que a Cámara “reforzou o seu carácter participativo e de apertura á sociedade”, nun período de sesións de intensa actividade, no que se celebraron 11 plenos e 85 comisións.  Entre as sesións plenarias, Ruiz Rivas destacou o Debate sobre o estado da Autonomía do pasado mes de marzo, que foi “o mellor reflexo de que agora hai outro feito de facer goberno”. Así, subliñou que mentres na anterior lexislatura o Grupo Popular presentou nos debates de política xeral un total de 500 propostas das que só foron aprobadas 13, neste primeiro da actual lexislatura se aprobaron un total de 146 propostas, 61 delas dos grupos da oposición.
O voceiro parlamentario do PPdeG salientou tamén que coas 5 leis aprobadas neste período de sesións –as dúas proposicións de iniciativa lexislativa popular e tres proxectos de lei- son 15 as aprobadas no que levamos de lexislatura. A ese respecto, explicou que, se ben nos tres primeiros períodos de sesións da lexislatura anterior foron 20 as leis aprobadas, cómpre ter en conta que 5 delas eran de creación de colexios profesionais e 4 corresponderon a modificacións puntuais de leis anteriores, ademais de dúas de orzamentos, co que “en realidade, foron só 9 as leis que se poden considerar de calado aprobadas nese mesmo período de tempo”.
AUSTERIDADE 
Entre as aprobadas no período de sesións que ven de rematar, Ruiz Rivas referiuse á modificación da Lei de Orzamentos para 2010 co fin de cumprir coa obriga estipulada polo Goberno central de rebaixa dos salarios dos empregados públicos, dentro das medidas de redución do déficit. O portavoz popular lembrou que o Goberno de Feijóo “foi pioneiro” en cando a medidas de austeridade, entre as que se incluiu xa anteriormente unha redución dos salarios dos altos cargos da Xunta e do persoal de gabinetes, medida á que se sumou tamén o Parlamento. Sen embargo, contrastou esa política de austeridade coa “improvisación e falta de planificación” do Goberno de Zapatero, cuxos erros “pagan todos os cidadáns” e obrigan a “adoptar medidas en Galicia que limitan a capacidade de xestión”. Nese sentido, apuntou que “por moito que os outros partidos critiquen que falemos de Zapatero, non hai máis remedio que facelo, porque hai que explicar as medidas que aquí se adoptan a consecuencia da desastrosa política económica do Goberno central socialista”.
En canto ao labor da oposición, Ruiz Rivas considerou que os outros dous grupos “parecen non ter asumido aínda de todo, un ano despois, o seu fracaso nas urnas nin o seu novo papel”, algo que se reflicte, afirmou, “na carencia de iniciativas positivas reais e na abundancia de críticas sen fundamento”, así como de “busca de titulares fáciles”. O deputado cualificou de “moi pouco serias” algunhas acusacións sobre unha suposta devaluación do Parlamento, “que afirman xusto o contrario da realidade”, e contrastou a xenerosidade do seu Grupo para facilitar o labor da oposición coa situación da lexislatura anterior “na que este Grupo, con 37 deputados, era pouco menos que ninguneado”.
ACTIVIDADE NO MES DE XULLO
Doutra banda, O portavoz do Grupo Popular lamentou que a oposición non teña “a mesma vontade de facilitar o labor lexislativo” que amosou o PPdeG na anterior lexislatura, na que os populares apoiaron un 40% das leis aprobadas, mentres que na presente etapa os socialistas só respaldaron dúas e os nacionalistas unha dun total de 15. Así mesmo, Manuel Ruiz Rivas replicou ás demandas da oposición en relación á actividade parlamentaria do mes de xullo, reiterando que “desde logo, nós non marchamos de vacacións”, senón que, á marxe da actividade “nada menor” prevista para este mes no Parlamento, “entendemos que este mes é perfectamente aproveitable ademais para desenvolver actividades fóra da Cámara, de contacto directo cos cidadáns, que é unha parte fundamental do traballo e da responsabilidade dos deputados”. Nese sentido, anunciou que o seu Grupo ten previstas varias xuntanzas en distintas localidades para estudiar “directamente e reuníndonos con colectivos, asuntos de interese”.
Por outra parte, resaltou, as críticas dos grupos da oposición pola suposta falta de actividade parlamentaria en xullo “danse de bruzos coa realidade”, como o demostra o Pleno extraordinario previsto “por segundo ano consecutivo” para que o presidente da Xunta informe sobre a situación económica ou o desenvolvemento de traballo de ponencias como a de estudio para a reforma da Lei da CRTVG, ao que previsiblemente se sumarán reunións doutras comisións como a de Asuntos Europeos para dar trámite en prazo a cuestións relativas ao principio de subsidiariedade.
INICIATIVAS TRAMITADAS
Ruiz Rivas considerou tamén “totalmente inxustificadas” as queixas dos grupos da oposición en canto ao tratamento das súas iniciativas, “especialmente despois do trato que eles nos deron a nós cando éramos nós a oposición”. Así, lembrou que o seu Grupo “fixo o máximo esforzo e amosou a máxima xenerosidade” para acadar un acordo en canto á ordenación das sesións que “mellora claramente a capacidade da oposición no seu labor de impulso e control”. No que vai de lexislatura tramitáronse o 68% das iniciativas rexistradas polo BNG e o 59% das presentadas polo Grupo Socialista; respostáronse máis de 16.000 preguntas escritas e 1.431 orais reconvertidas;  e tramitáronse a metade das solicitudes de información realizadas.
En canto á actividade dos populares, Ruiz Rivas destacou que en pouco máis dun ano de lexislatura, o Grupo Popular rexistrou xa un 40% de toda a actividade que rexistraron os grupos que apoiaban ao Bipartito no total da lexislatura anterior. Un labor “de respaldo ao Goberno pero tamén de propostas de traballo e de medidas en relación con temas de interese ou preocupación dos cidadáns” a través de iniciativas de impulso.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina