saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

O COMPROMISO ÉTICO DOS DEPUTADOS POPULARES OBRIGA Á PRÁCTICA POLÍTICA CON TRANSPARENCIA, RESPONSABILIDADE, HONESTIDADE E AUSTERIDADE

COMPROMISO ETICO DEPUTADOS/AS 19/11/2012

• Comprométense a “desempeñar a función do deputado procurando sempre dignificar a función representativa da Cámara parlamentaria” Santiago, 17 de novembro de 2012.- Os 41 parlamentarios do Grupo Popular subscribiron un compromiso ético para a presente lexislatura, de forma voluntaria pero asumido como de obrigado cumprimento, “conscientes de que na situación actual de crise económica a práctica política e representativa debe axustarse, máis ca nunca, aos principios de transparencia, responsabilidade, integridadade, honestidade e austeridade”. Nun dos puntos dos que consta este documento, os parlamentarios do PPdeG comprométense a “desempeñar a función do deputado procurando sempre dignificar a función representativa da Cámara parlamentaria”. Neste sentido, concreta que os deputados “desempeñaremos as nosas funcións co máximo rigor e esixencia ética, absténdonos de calquera conduta que, aínda que legal, poda danar ou deteriorar a imaxe do Parlamento de Galicia”. “Como deputados e deputadas do Grupo Parlamentario Popular absterémonos de realizar calquera actividade privada que poda supoñer un conflito de intereses co exercicio da función representativa, separando decididamente as actuacións no ámbito público das do ámbito privado”, recolle o documento. COMUNICACIÓN DE PROCEDEMENTO XURISDICIONAL Unha das novidades deste compromiso ético asinado polos deputados do Grupo Popular é a obriga de “comunicar inmediatamente á dirección do Grupo Parlamentario Popular a apertura de calquera procedemento xurisdicional do que poidan derivarse indicios racionais da comisión dun delito”. Neste sentido, comprométense, en primeiro lugar, a “poñer a acta de deputado inmediatamente a disposición do Partido Popular no caso de resultar imputado”. Pero, ademais, no caso de que o deputado resultara procesado por calquera tipo de medidas cautelares, será “inmediatamente suspendido cautelarmente de militancia no Partido Popular e deberá cesar inmediatamente no exercicio de deputado ou deputada”. Por último, os parlamentarios populares sitúan como “compromiso ineludible coa austeridade que sempre debe presidir o gasto público” facer un uso responsable dos medios materiais que a Cámara pon ao seu dispor. Ademais, absteranse de aceptar “ningún trato de favor que non sexa o inherente á función representativa que marcan as normas vixentes”, así como “ningún agasallo, atención ou liberalidade que non responda, polo seu importe ou causa, aos usos e costumes sociais”.
saltar ao pe de páxina