saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

PEDRO PUY AFIRMA QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2013 “REFORZARON O SEU CARÁCTER SOCIAL” DURANTE A SÚA TRAMITACIÓN PARLAMENTARIA

ORZAMENTOS XUNTA 2013 E DECLAR 21/02/2013

• Destacou a aprobación das 29 emendas do Grupo Popular e sete do Grupo Socialista, ademais doutra transacción sobre o incremento da tarifa do imposto sobre o patrimonio • Puy cualificou de “sorprendente” que algún grupo parlamentario que aprobou o formato de declaración de bens dos deputados na pasada lexislatura “diga agora que non é correcto e que hai sistemas máis transparentes” Santiago, 21 de febreiro de 2013.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2013 “reforzaron o seu carácter social” durante a súa tramitación parlamentaria e os confirmaron como “os máis sociais da historia da autonomía, co incremento de partidas destinadas á Risga, educación ou sanidade”. Puy puxo de manifesto as “incongruencias” da oposición “con emendas que sabían que era imposible atender” ou apoiándose mutuamente con propostas totalmente contrarias. Pedro Puy reiterou que os orzamentos da Xunta foron modificados ao longo do debate en Comisión parlamentaria coa aprobación das 29 emendas presentadas polo Grupo Popular, ademais doutras sete presentadas polo Grupo Socialista máis unha transacción para incrementar a tarifa do imposto sobre o patrimonio. 36 EMENDAS E UNHA TRANSACCIÓN AOS ORZAMENTOS En concreto, Puy destacou que as emendas do Grupo Popular “permitiron mellorar os orzamentos en cuestións como o control, coa autorización á Intervención Xeral para que faga auditoría das contas da Administración xeral e dos organismos autónomos, axencias e demais entes dependentes da Administración galega”. Ademais, se incorporou unha partida de 8 millóns de euros de apoio ao sector naval galego; se creou unha partida de 1 millón de euros de axudas ao alumnado para a aprendizaxe de idiomas estranxeiros; se atendeu o compromiso de crear unha partida de 200.000 euros para cooperación ao desenvolvemento; e se reforzou en 400.000 euros a transferencia corrente ao Consorcio de Santiago. Ademais, o portavoz popular explicou que se aprobaron sete emendas do Grupo Socialista, referidas ás transferencias aos entes instrumentais aumentando a súa transparencia ou para que só os membros do Consello da Xunta poidan nomear persoal de gabinete, “algo que a Xunta xa viña facendo. Tamén houbo unha transacción respecto ao imposto sobre o patrimonio, o tributo máis progresivo do que dispón a comunidade autónoma con plena capacidade normativa sobre el, acordando o incremento da tarifa nun 20 por cento e mantendo o mínimo exento. Con esta medida, a Xunta poderá ter unha recadación estimada adicional de 8 millóns de euros, “que pagarán as persoas que gozan nesta situación de crise económica dun conxunto de bens patrimoniais máis amplo, é dicir, aquelas que teñen un patrimonio, excluída a vivenda habitual, superior aos 700.000 euros”, explicou. EMENDAS IMPOSIBLE DE ATENDER Pedro Puy referiuse a continuación ás “incongruencias da oposición que nos atopamos ao longo do debate en comisión, con moitas emendas que era imposible atender e que agora sabemos que era con coñecemento de causa”. En concreto, fixo referencia a que no Grupo Socialista “foron advertidos desde o seu propio Comité Executivo que algunha das emendas que presentaban non podía realizarse, como por exemplo a súa solicitude para que unha terceira parte dos recursos que están nos orzamentos para formación de desempregados foran transferidos a infraestruturas de benestar, coñecendo que son fondos finalistas e proveñen das cotas de formación profesional, polo que tecnicamente esas emendas son inviables ademais de politicamente inaceptables”. Así mesmo, o portavoz popular aludiu ao “resultado curioso” que se dou polos apoios mutuos sistemáticos entre os grupos da oposición, cando por unha parte unha emenda do Grupo Socialista, apoiada por AGE e BNG, pedía reducir 2 millóns de euros do programa de prevención e extinción de incendios, mentres que outra emenda do BNG, tamén apoiada polo PSOE e AGE, demandaba aumentar a mesma partida en 700.000 euros. Na súa comparecencia logo da Xunta de Portavoces, Puy tamén informou da apertura do prazo para designar os membros da Comisión de Asuntos Europeos, que será proporcional ao número de deputados de cada grupo parlamentario (7 do Grupo Popular, 3 do Grupo Socialista e 1 tanto de AGE como do BNG) e da Comisión de Estudo para a elaboración de un Plan de Medidas de prevención e erradicación da corrupción política, que terá unha composición por voto ponderado e a presenza de dous membros por parte de cada grupo parlamentario. DECLARACIÓN DE BENS Para rematar, o portavoz popular comunicou que o vindeiro 23 de marzo pecharase o prazo para a presentación voluntaria da declaración de bens dos deputados e a súa posterior publicación o día 25 de marzo na páxina web do Parlamento. Neste sentido, Puy destacou que nesta segunda ocasión que se leva a cabo esta publicación de bens dos deputados “acurtouse o prazo de presentación das declaracións a 30 días” e cualificou de “sorprendente” que “algún grupo parlamentario que aprobou o formato na pasada lexislatura diga agora que non é correcto e que hai sistemas máis transparentes”. “A información que se fai pública nesta declaración é moito máis exhaustiva e completa da que é obrigatoria presentar para a toma de posesión como deputado”, explicou Pedro Puy, quen sinalou que “estamos ante unha medida que da moita transparencia pero non evita por si mesma ningún tipo de corruptela, aínda que tamén é certo que o incremento da transparencia e o control social dos medios fai máis difícil que haxa prácticas incorrectas”.
saltar ao pe de páxina