saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

O GRUPO POPULAR APOIA UNHA “SOLUCIÓN XUSTA, VIABLE E NEGOCIADA” PARA O CONFLITO PALESTINO-ISRAELÍ NA FRANXA DE GAZA

A deputada popular Carmen Pard 10/09/2014

Santiago, 10 de setembro de 2014.- A deputada Carmen Pardo defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha emenda do Grupo Popular sobre o conflito palestino-israelí, en particular nos acontecementos da franxa de Gaza, indicando o apoio do PPdeG a unha “solución xusta, viable e negociada, tendo en conta á legalidade internacional, expresada por Nacións Unidas, que permita acadar unha solución definitiva e negociada ao conflito”. Carmen Pardo indicou na súa intervención que a consecución da paz en Oriente Medio “debe ser un imperativo moral para as partes, tanto para garantir o desfrute dos Dereitos Humanos das poboacións asentadas na rexión, como para preservar a estabilidade no Mediterráneo”. A deputada popular sinalou que o pobo de Israel, “logo da súa penosa historia de persecucións, tamén ten dereito a gozar dunha plena seguridade con respaldo internacional, do mesmo xeito que o pobo palestino ten dereito a se constituír nun Estado con idéntico respaldo, partindo da máxima que unha inxustiza non se arranxa nin compensa con outra inxustiza, senón co respecto ao Dereito Internacional e aos Dereitos Humanos”. Na emenda popular, que non foi aceptada polo que non puido ser sometida a votación, o Grupo Popular solicitaba que o Parlamento lamentase “o balance de vítimas civís e danos materiais, especialmente na Franxa de Gaza e reclamar que as partes relancen un proceso político que, actuando conforme á legalidade internacional permita acadar unha solución definitiva e negociada ao conflicto”. “Dende o Grupo Popular –indicou Carmen Pardo -seguiremos reprobando a inxustificada perda de vidas humanas e non escatimaremos esforzos en contribuír, ata onde podamos,a construír unha orde internacional xusta baixo o respaldo da legalidade internacional, un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito consonte co seu máis firme compromiso cos dereitos inalienables da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana”.
saltar ao pe de páxina