saltar ao contido

O presidente do Parlamento explica a web de participación cidadá a alumnado dun instituto

Participación 31/03/2016

- Anima á comunidade educativa a participar no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia e a coñecer e utilizar a web de participación.

- A actividade enmárcase no ciclo de organizado coa colaboración da Asociación de Ex Parlamentarios/as para dar a coñecer a Cámara galega entre o estudantado de secundaria e bacharelato de Galicia.

Ourense, 31 de marzo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía nunha charla-coloquio con alumnado do IES Otero Pedraio de Ourense, na que os convidou a utilizar as diferentes ferramentas que a Cámara galega pon a disposición dos máis novos, desde as visitas guiadas á sede da institución ata o espazo web de participación cidadá posto en marcha o pasado luns ao abeiro da recente lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá.

Santalices Vieira alentou aos estudantes que participaron na charla a coñecer e e facer uso da ferramenta de participación cidadá, pensada para que os galegos e galegas “se impliquen activamente”, ao tempo que se amosou convencido de que “seredes vós, os mozos e mozas, os principais usuarios dela”.

Posibilidades de participación

Recordou que a web de participación cidadá do Parlamento permite participar na elaboración das leis que se atopan en tramitación na Cámara, pero tamén propoñer preguntas para que os grupos parlamentarios as trasladen á Xunta, ben en forma de pregunta oral, en Pleno ou en Comisión, ou como pregunta de resposta escrita.

A web de participación do Parlamento tamén permite, como explicou o presidente da Cámara, exercer o dereito de petición perante o Parlamento de Galicia, un dereito garantido na propia Constitución e que neste caso se canaliza a través da Comisión de Peticións.

Paralelamente, neste espazo web tamén se ofrece información sobre outras formas de participación que, pola súa complexidade, se xestionan doutro xeito. É o caso das proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular (que deben ir respaldadas por 10.000 sinaturas, cando anteriormente se precisaban 15.000, o que converte a Galicia nunha das Comunidades nas que máis doado resulta unha tramitación deste tipo); e tamén da participación popular no impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei (ata o de agora só as podían presentar os deputados, agora unha vez admitidas, deben estar respaldadas por 2.500 sinaturas).

“Asegúrovos, como deputado con experiencia, e como presidente da Cámara, que todas as achegas son benvidas e estudadas con interese, e que as portas do Parlamento están sempre abertas para quen queira achegarse a el e coñecelo”, subliñou Miguel Ángel Santalices Vieira ao reiterar a invitación formulada ao estudantado.

Visitas guiadas

Explicou o presidente do Lexislativo galego que a comunidade educativa ten a súa disposición un programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia que inclúe todo tipo de explicacións sobre o funcionamento da Cámara, e mesmo permite que os participantes se podan acoller a un desconto se efectúan ese desprazamento en ferrocarril. Animou ao estudantado a participar neste programa, no que as inscricións se poden efectuar por teléfono ou a través da páxina web do Parlamento.

Programa de charlas divulgativas

A charla divulgativa celebrada hoxe no IES Otero Pedraio de Ourense enmárcase nun ciclo organizado polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Ex Parlamentarios/as para dar a coñecer a Cámara galega entre o estudantado de secundaria e bacharelato de Galicia.

Santalices recoñeceu que a iniciativa está a ser un éxito, pasando de 23 centros participantes no curso 2012-2013 a 50 no curso 2014-2015. No que vai do actual curso académico, son xa 58 os centros participantes.

Canda Santalices, participaron nesta iniciativa o presidente da Asociación de Ex Parlamentarios/as do Parlamento de Galicia, Jesús María Fernández Rosende; o vicepresidente da mesma, Alberte Xulio Rodríguez Feixóo; e o vogal Ismael Rego González. Foron presentados polo director do IES Otero Pedraio, Juan Antonio Saco Rivera.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina