saltar ao contido

Santalices destaca os intensos vínculos que unen Galicia con Portugal, reforzados pola lusofonía

Acto 10/06/2016

- Lembra que o Parlamento aprobou por unanimidade a lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía e anuncia a participación da Cámara galega na celebración do 40 aniversario da Autonomía de Azores coa exposición “54 páxinas das nosas letras”

- Participou en Vigo na recepción ofrecida polo Viceconsulado de Portugal con motivo da celebración do Día de Portugal

Santiago, 10 de xuño de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou esta tarde en Vigo os intensos e crecentes vínculos que unen a Comunidade Autónoma con Portugal. Santalices Vieira participou na recepción ofrecida polo vicecónsul de Portugal en Galicia con motivo da celebración do Día de Portugal.

Recordou Santalices que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, en marzo de 2014, a Proposición de Lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. A lei sinala que os poderes públicos galegos promoverán o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas para afondar nos vencellos históricos que unen Galicia cos países e Comunidades de lingua portuguesa, a incorporación progresiva da aprendizaxe da lingua portuguesa, a promoción das relacións a todos os niveis cos países de lingua portuguesa e a participación das institucións en foros lusófonos.

Trátase, como recordou o presidente do Parlamento de Galicia, de sacar proveito da vantaxe competitiva que supón o feito de que o idioma galego sexa intercomprensible co portugués.

Promoción da cultura galega en Azores

Co obxectivo de afondar nas relacións entre Galicia e Portugal, Santalices Viera anunciou que o Parlamento de Galicia participará na celebración do 40 aniversario da Autonomía de Azores.

No marco desta celebración, o Parlamento de Galicia exporá, o vindeiro mes de xullo, na sede da Asemblea Lexislativa de Azores, a exposición “54 páxinas das nosas letras”, organizada pola Cámara autonómica coa colaboración da Xunta e da Real Academia galega para poñer en valor as figuras dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas desde hai máis de medio século. A mostra xa percorreu diferentes cidades galegas e do exterior.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina