saltar ao contido

O presidente do Parlamento explica o funcionamento da Cámara Lexislativa na Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao

Conferencia 14/12/2017

• Anima ao empresariado a utilizar as diferentes ferramentas de participación que o Lexislativo galego pon a disposición da cidadanía
 
• Planta unha árbore na Arboreda do Tempo coincidindo do 52 aniversario do Polígono de San Cibrao

Santiago, 14 de decembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, ofreceu esta mañá unha conferencia sobre o Lexislativo galego na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, a onde acudiu convidado polos responsables desta organización coincidindo coa celebración do 52 aniversario deste polígono.
 
Na intervención, titulada “O Parlamento de Galicia. 35 anos de historia”, Miguel Santalices explicou aos empresarios as competencias e o funcionamento do poder Lexislativo galego.
 
Destacou especialmente as diferentes posibilidades de participación que ofrece neste momento a Cámara galega, posibilidades que foron reforzadas coa lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia, aprobada en 2015.
 
Como novidades, esta Lei reduciu de 15.000 a 10.000 o número de sinaturas precisas para impulsar unha proposición de lei de iniciativa popular, blindou a participación popular na elaboración das leis e estableceu novidades como a posibilidade de que a cidadanía propoña preguntas ao Executivo ou impulse a acción de Goberno a través de proposicións non de lei que deben contar co respaldo de 2.500 sinaturas.
 
Aplicación satisfactoria
 
Santalices Vieira considerou especialmente satisfactoria a aplicación práctica desta lei nos dous anos que leva en vigor e animou ao sector empresarial a facer uso das diferentes modalidades de participación que contempla a normativa autonómica.
 
Sinalou, como exemplo, que durante a tramitación parlamentaria do daquela proxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, o Parlamento recibiu preto  de 300 comentarios ou suxestións relacionados co texto normativo. A recente proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais contou con medio cento de comentarios ou suxestións. Todos estes comentarios, que a cidadanía pode formular desde a web da Cámara, son trasladados, sistematicamente, a través dos servizos xurídicos, aos deputados de cada ponencia lexislativa.
 
Arboreda do Tempo
 
Rematada a conferencia, o presidente do Parlamento, convidado polos seus anfitrións, plantou a árbore número 52 na denominada Arboreda do Tempo, unha iniciativa xurdida hai dous anos para conmemorar o primeiro medio século de vida do Polígono de San Cibrao, que hoxe celebrou o seu 52 aniversario.
 
Celebrar o aniversario do polígono coa plantación dunha árbore expresa, a xuízo de Santalices, o compromiso dos seus responsables co medio ambiente.
 
Neste acto, Santalices Vieira apuntou que o Polígono de San Cibrao constitúe o corazón industrial da provincia de Ourense, con 320 empresas nas que traballan máis de 8.000 persoas, pero amosouse convencido de que acumula un “enorme potencial” de crecemento.
 
O titular da Cámara galega chamou a atención sobre a importancia de fortalecer a relación entre o Parlamento e o conxunto da sociedade. Animou ao empresariado a manterse en contacto coa institución e cos propios deputados e deputadas co obxectivo de mellorar a calidade do traballo lexislativo e que este se axuste ás necesidades dos diferentes sectores.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina