saltar ao contido

Santalices conduce o VIII Foro de Participación Infantil e Adolescente UNICEF

unicef 17/11/2020

• O evento en liña contou coa participación de representantes dos consellos de participación infantil e adolescente de Castrelo de Miño, Tomiño, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Teo, Cabanas e Moeche, e dos tres grupos parlamentarios
 
• Santalices felicita a Joe Biden polo seu triunfo electoral e fai votos para que Estados Unidos ratifique a Convención sobre os Dereitos do Neno
 
 
 
Santiago, 17 de novembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, interveu esta mañá no Foro de Participación Infantil e Adolescente, co-organizado pola Cámara e UNICEF Comité Galicia. Este pleno infantil, que celebra a súa oitava edición, prescindiu este ano do formato presencial por causa da Covid-19, polo que a xuntanza se realizou de xeito telemático.
 
Santalices saudou á rapazada participante, proveniente dos concellos de Castrelo de Miño, Tomiño, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Teo, Cabanas e Moeche, así como a presidenta de UNICEF Comité Galicia, a conselleira de Política Social da Xunta e representantes dos tres grupos parlamentarios, que tamén participaron no evento en liña.
 
 
Pacto galego pola infancia
 
Durante o encontro, o presidente do Parlamento parabenizou o labor de UNICEF Comité Galicia e dos diferentes concellos que asumiron esta proposta encamiñada a dotarse dun órgano estable para trasladar o parecer dos máis novos á política local. Alén disto, aproveitou a ocasión para pór en valor o compromiso na transmisión de valores para as futuras xeracións grazas ao Pacto galego pola infancia, asinado por vez primeira no 2011 e renovado no pasado ano.
 
As proposicións de nenas, nenos e adolescentes no pleno telemático incluíron, entre outras, medidas concretas fronte as consecuencias da pandemia na sociedade, o artellamento de mecanismos de protección para a saúde mental da xente máis nova ou iniciativas de respecto ao medio ambiente. Despois das intervencións, Santalices concluíu o foro agradecéndolles aos participantes a súa contribución e responsabilidade democrática, necesaria para “edificar unha sociedade máis sostible, inclusiva e solidaria”.
 
 
Día Mundial da Infancia
 
Este pleno celébrase en vésperas do Día Mundial da Infancia que cada 20 de novembro conmemora a aprobación da Convención sobre os Dereitos do neno  pola Asemblea Xeral da ONU en 1989.
 
Esta convención é, actualmente, o tratado internacional máis ratificado da historia, na medida en que ten sido aceptada por todos os países, agás Estados Unidos. Foi asinada en 1995 pola Administración Clinton, pero resta a súa ratificación, previa aprobación polo Senado.
 
 
Felicitación a Joe Biden
 
“Agardemos que baixo a Presidencia de Joe Biden, a quen aproveito para felicitar polo seu contundente triunfo electoral, se impulse a ratificación deste tratado, que, en esencia, equipara, en materia de dereitos humanos, nenos e nenas e adultos”, afirmou Santalices.
 
Neste punto, o presidente do Parlamento reivindicou o valor da democracia e dos seus instrumentos xurídicos “para facer que prevaleza o veredicto da cidadanía, expresado libremente nas urnas”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina