saltar ao contido

O Parlamento de Galicia e maila Universidade de Santiago reforzan o programa de prácticas académicas do alumnado de Dereito

USC 31/05/2021

• Desde o ano 2004, preto de 500 alumnos/as da Facultade de Dereito da USC realizaron prácticas no Parlamento de Galicia, unha actividade para a que contan coa colaboración dunha ducia de persoas da Administración parlamentaria
 
Santiago, 1 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia reforzará o programa de prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, do alumnado do grao en Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Así o recolle un convenio de colaboración educativa asinado esta mañá polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz.
 
Este documento reforza as diferentes iniciativas de colaboración emprendidas entre a Cámara Galega e a USC desde o ano 2004, no que se rubricou o primeiro acordo orientado a que estudantado de Dereito da universidade compostelá puidese realizar o seu Prácticum no Parlamento de Galicia. Desde entón, preto de 500 alumnos/as desta Facultade realizaron  prácticas no Parlamento de Galicia. Arredor de 12 persoas da Administración parlamentaria participan e fan posible esta iniciativa.
 
O convenio asinado hoxe determina a posibilidade de realizar no Parlamento tres tipos de prácticas: as curriculares, recollidas no plan de estudo; as conducentes á elaboración dos traballos de fin de grao e/ou de fin de máster; e as extracurriculares ou complementarias. De ser preciso, o Parlamento contribuirá tamén á formación práctica do alumnado impartindo docencia teórico-práctica especializada por parte de persoas expertas da institución.
 
O acordo establece a convocatoria de polo menos unha convocatoria de prácticas por cada curso académico, con prioridade das prácticas curriculares sobre a extracurriculares. O número de prazas a convocar será fixado pola comisión de seguimento do convenio, integrada por representantes do Parlamento e da USC.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina